VIMBIO berra contra as apariencias en 'Cando ninguén nos vixía', o seu novo sinxelo
 
        
		  
        O tema ve a luz tras o lanzamento do seu anterior sinxelo xunto á rapeira NADIE GONZÁLEZ, 'Troula'
Vimbio segue adiantando o que será o seu primeiro traballo discográfico cun novo lanzamento, desta vez baixo o nome de Cando ninguén nos vixía. O tema critica esa falsa aparencia da sociedade de hoxe en día, que se esforza en amosar unha careta irreal a nivel público que non se corresponde coa realidade que se agocha cando ninguén nos observa. Este novo sinxelo caracterízase por un son cru que se achega ao rap metal dos anos 90, e que vén acompañado por unha letra introspectiva e reflexiva, á par dunha produción moderna.
O tema conta con inspiracións do traballo de compañeiras como Bala e Lúa Mosquetera, que son referentes musicando poemas. Baixo esa premisa, deron co poema titulado “al cuñado de National Geographic”, da autora Alba Coloret no seu libro “EKDISIS”, no que se inspiraron para este tema. A premisa do poema é o tratamento dunha persoa que trata de mostrarse dun xeito concreto para dar unha aparencia totalmente falsa do que realmente é, e xirando arredor dese concepto saíu esta visión de ocultar o que realmente somos , o que somos cando ninguén nos ve, cando ninguén nos vixía. A canción utiliza esa primeira persoa do plural para deixar reflexado que ninguén nos libramos de caer na transmisión desas aparencias nalgún momento.
Tras o lanzamento de "Insisto", "Mayday", "Bombas Incendiarias", "Comeza o xogo", "Eu non quero traballar", o EP "Ao Vivo Rock in Río Tea 2024" e "Troula" xunto a Nadie González, o grupo galego mantén o carácter prolífico e versátil nas súas producións, sorprendendo co seu son e abrindo a porta á conxunción de xéneros pouco traballados na escena. Esta aposta xa está a ser recoñecida, sendo nomeados como unha das tres bandas finalistas nos Premios Narf, organizados pola Deputación da Coruña.
 
    