NoSoloEsRuido logo
Banner horizontal

Sabela publica o seu innovador Ep 'Bríllanche os olliños', xunto coa súa colaboración con María Escarmiento

Por Redacción NoSoloEsRuido | 27 de octubre de 2025
Imagen de la noticia

'Non Cho Podo Dar', tema conxunto co súa compañeira en OT 2018, sae cun videoclip gravado en CERVO con referencias á Maruxaina

Sabela publica o seu tan esperado EP, "Bríllanche os olliños". Nel, a cantante aposta por poñer en valor o mundo e a vida rural, dende o máis cotiá ao popular. As lendas, os oficios, figuras como Maruja Mallo, os animais ou mesmo o desexo son temas nos que a artista afonda neste traballo discográfico. Seis temas que transitan o pop electrónico dende vertentes máis eufóricas ata outras máis ambient, pasando por tons máis eclécticos ou intimistas. Aos xa publicados "Hi, my love", "Eu espero aquí", "Camponarai", "Cerca de ti" e "A quen ignora", únese "Non cho podo dar", focus track do EP que sae en colaboración coa súa compañeira de edición en Operación Triunfo, María Escarmiento.

 A canción destacada de "Bríllanche os olliños" é o tema "Non cho podo dar", que ve a luz en colaboración cunha compañeira de edición do programa televisivo Operación Triunfo, María Escarmiento. Esta unión entre dúas amigas deu como resultado un tema de pop con sons máis ambientais e retrousos instrumentais, pero cun ton moito máis directo.

 Nel, Sabela e María xogan coa idea de amar fóra do socialmente establecido, reivindicando que sentir nunca é un erro, por moito que desafíe as normas impostas. O tema nace desa capacidade inmensa de amar máis alá do permitido, de amar sen culpa; desa honestidade que leva a cuestionarse se o problema está en quen sente ou en quen impón os límites. Ao longo do tema extráense referencias aos mitos das sereas: mulleres libres, temidas e xulgadas por ser diferentes. En conexión con isto, o videoclip que o acompaña, gravado en Cervo, recolle a esencia dunha das grandes lendas da Mariña lucense, a Maruxaina, símbolo desa liberdade rebelde e indómita.

 Este novo traballo discográfico da de Ourol tenta reivindicar o local como o concepto do que nace todo. "Bríllanche os olliños" é esa referencia galega á reacción tan xenuína como pura das cousas que te ilusionan, que che sentan ben. Dende este punto, Sabela constitúe un contexto no que converxen as distintas facetas da súa vida no rural. A portada do EP non deixa de ser outra defensa de que non é preciso marchar do rural para atopar o talento, xa que está confeccionada polo ilustrador e tatuador Pérez, natural de Viveiro. Nela podemos atopar referencias claras tanto ao título do disco, co ollo e o brillo que sae del, como a temas incluídos dentro do mesmo, como pode ser "Non cho podo dar" e esa referencia ás sereas.

 O EP está confeccionado dende o rural pero cun son internacional, onde a faceta experimental de Sabela fixo que tomara a iniciativa de producir os seus temas baixo este prisma. Unha proposta ambiciosa que destaca as distintas versións que pode ofrecer a artista galega, dende o proceso de composición da letra ata o proceso de produción do tema. Este traballo recoñece a versatilidade da de Ourol e eleva o teito do seu pop electrónico a niveis de execución.

Publicidad

Publicidad móvil