NoSoloEsRuido logo
Banner horizontal

OURFEST consolida en Expourense a súa cuarta edición con 3000 asistentes e un cartaz que cruzou xéneros e xeracións.

Por Redacción NoSoloEsRuido | 01 de octubre de 2025
Imagen de la noticia

Dream Nails, Viva Belgrado, Mercury Rev, León Benavente, Happy Mondays e Kruder & Dorfmeister ofreceron concertos que foron do punk e o post-hardcore ao rock, a psicodelia e a electrónica, nunha xornada de gran diversidade musical.

Ourense viviu este sábado unha das súas noites máis intensas coa cuarta edición de OUR FEST, que reuniu 3.000 persoas en Expourense. O festival condensou nunha soa xornada unha viaxe sonora que foi do pogo incendiario ao trance electrónico, cun cartaz exclusivo en Galicia que trouxo lendas internacionais, bandas estatais en plenitude e novas voces da escena independente. A cidade entregouse a unha cita que xa non é só música, senón unha experiencia colectiva que transforma cada setembro o pulso cultural de Ourense.

O arranque foi unha sacudida inmediata: mentres o público aínda se acomodaba, Dream Nails transformaron a expectación en pogo cun punk incisivo, cargado de consignas políticas e humor afiado. Entre riffs curtos e coros colectivos, lograron que o inicio tivese a forza dun clímax, coas primeiras filas entregadas a unha celebración tan combativa como festiva. A intensidade redobrouse con Viva Belgrado, que despregaron un directo de contrastes brutais. Susurros que semellaban deter o tempo desembocaban en descargas abrasivas que fixeron vibrar todo o recinto. Houbo olladas cómplices no público, corpos zarandeados pola crudeza e tamén un silencio reverente antes de cada estouro, nun concerto que funcionou como unha catárse compartida.

O cambio de atmosfera chegou con Mercury Rev, que envolveron Expourense nunha viaxe onírica. Os seus crescendos expansivos, reforzados por un xogo de luces minucioso, deron lugar a un concerto que foi tanto celebración como ensoñación. Vellos himnos como “Deserter’s Songs” conviviron coas novas composicións de “Born Horses”, nun repertorio que combinou delicadeza e épica. Houbo momentos nos que o público contivo a respiración, e outros nos que as ovacións prolongadas confirmaron que estaban a asistir a unha das actuacións máis especiais da xornada.

Xa de noite, a electricidade tomou a remuda. León Benavente apareceron coa contundencia de quen sabe que ten un dos directos máis incontestables do rock estatal. Abraham Boba, intenso e magnético, percorreu o escenario interpelando o público, que respondeu nun coro unánime. Himnos como “Ser Brigada” o “La ribera” entrelazáronse coa enerxía bailable dos temas de “Nueva sinfonía sobre el caos”, nun concerto que oscilou entre a proclama e a festa. A celebración desatouse con Happy Mondays, que trouxeron de volta o espírito irreverente do Madchester. Shaun Ryder á fronte, Bez co seu baile inesgotable e unha banda que mesturou groove, funk e guitarras sucias nun show tan caótico como festivo. “Step On” e “Kinky Afro” soaron como himnos atemporais, e Expourense converteuse nunha pista de baile colectiva.

O broche foi doutra natureza. Kruder & Dorfmeister ofreceron un DJ set hipnótico e elegante, tecido con baixos que se sentían fisicamente e texturas atmosféricas que envolvían o espazo. Foi un peche sen estridencias pero demoledor na súa cadencia, que arrastrou a multitude cara a un trance compartido. A madrugada rematou cun público que máis que bailar, flotaba, confirmando que OUR FEST tamén sabe despedirse con sutileza e sofisticación.

O eco da edición sentiuse en toda a cidade: os hoteis roldaron o 90% de ocupación e restaurantes e comercios multiplicaron a súa actividade. Ourense viviu unha fin de semana onde música, gastronomía, termalismo e vida urbana se uniron nunha mesma experiencia, reforzando o impacto cultural e económico do festival. Todo isto foi posible grazas ao apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia de Turismo de Galicia no marco dos Concertos do Xacobeo, e á colaboración da Deputación de Ourense, o Concello de Ourense e Estrella Galicia.

Publicidad

Publicidad móvil