Os Concertos do Marisco (O Grove) logran asistencia récord con 10.000 persoas
 
        
        O ciclo completo, de nove xornadas de música, xuntou en total a preto de 40.000 persoas
Os Concertos do Marisco, o ciclo musical que acompaña a Festa do Marisco do Grove, concluíron con dúas noites nas que a Praza do Corgo quedou pequena para acoller os milleiros de persoas que asistiron ás actuacións de Siloé, o venres día 10, e La La Love You, o sábado 11. Preto de 10.000 persoas gozaron cada noite da combinación de gastronomía e música en directo. Dous concertos que xa pasan á historia desta cita gastronómica, que pechou a súa edición número 62 superando todas as expectativas e con visitantes chegados de todo o mundo. En total estímase que un público de 40.000 persoas pasaron ao longo dos dez días de festa pola carpa dos concertos.
Música e gastronomía, unha fórmula de éxito
.jpg) 
        Os Concertos do Marisco puxeron así o broche final a nove días de música cunha proposta que mesturou diversidade, calidade e descubertas, demostrando que a unión entre a música en directo e a gastronomía é unha fórmula de éxito para impulsar eventos como a Festa do Marisco e contribuír á desestacionalización do turismo.
O ciclo comezou o xoves día 2 con Fla-Meco, a primeira formación local que subiu ao escenario, nunha edición na que o talento meco contou cunha presenza destacada. Caballito, A Banda do Sequío, Freshkiños ou Os Carismáticos tamén animaron ao público durante a semana festiva. O venres 3 foi a noite máis urbana, coa actuación de El Bugg e Las Ninyas del Corro, mentres que o sábado 4 chegaron León Benavente -actuación que forma parte dos Concertos do Xacobeo- e Alberto & García, con dous concertos que fixeron bailar a todas as persoas asistentes.
 
        A noite máis folk viviuse o domingo 5 coa presenza de De Ninghures, unha das bandas máis destacadas do panorama galego, xunto con Cinco en Zocas. Un fin de semana que serviu de gran anticipo dos últimos días do ciclo, nos que, ademais de Siloé e La La Love You, tamén subiron ao escenario Leria e o DJ Manu TF.
Un evento consolidado na axenda musical galega
Os Concertos do Marisco rematan así unha nova edición cunha programación de balde que cada ano reúne máis público, consolidándose como unha cita de referencia na axenda de concertos e festivais de Galicia, con cada vez máis seguidores procedentes de fóra da comunidade.
Os Concertos do Marisco están organizados polo Concello do Grove con dirección artística da promotora i-radia Crea e contan co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia de Turismo de Galicia, no marco dos Concertos do Xacobeo, como patrocinadores do concerto de León Benavente.

 
 
             
             
            .jpg) 
            .jpg) 
            .jpg) 
            .jpg) 
            .jpg) 
            .jpg) 
             
             
            .jpg) 
            .jpg) 
            .jpg) 
            