CHIQUITA MOVIDA anuncia os seus primeiros dous concertos con parada en Galiza
O novo proxecto de Rayden e a súa banda estrearase o próximo 13 de marzo na Sala Capitol de Santiago de Compostela
Tras o lanzamento do seu primeiro EP, "Gastos de Gestión", a banda galego-madrileña Chiquita Movida anuncia os seus primeiros concertos, recalando en Santiago de Compostela e Madrid. O grupo, formado por Rayden, Mediyama e Skiz Siete nas voces, xunto a Babe (guitarra, teclados e secuencias), Jhonny (baixo) e Jona (guitarra), actuará o próximo 13 de marzo de 2026 na emblemática Sala Capitol. As entradas para o concerto en Santiago de Compostela xa están dispoñibles.
Con tan só un EP publicado hai escasas semanas, o grupo está a ser unha das sensacións do panorama musical estatal, acumulando centos de milleiros de escoitas en plataformas. Tras rematar a etapa como Rayden, a banda rexorde de maneira colectiva tras unha convivencia na que se consolidou a súa nova aposta musical. "Gastos de Gestión" é a súa carta de presentación, con catro cancións cargadas de ironía, nas que critican á industria musical, á nostalxia impostada e ás modas pasaxeiras, pero facéndoo con estilo, humor e contundencia. A súa proposta musical enfócase nas guitarras potentes e ritmos intensos.
A presentación do proxecto en directo comezará cun concerto en Madrid o próximo 27 de febreiro, no que esgotaron entradas en apenas dúas horas. O seu seguinte, e única parada ata o momento, terá lugar na capital galega. A banda promete levar aos escenarios unha experiencia sonora e visual contundente, pensada para conectar co público desde a autenticidade e a enerxía en directo.
