O FIV de Vilalba 2026 despega con La M.O.D.A., Alcalá Norte, Repion, Celia Becks e Grande Osso como primeiras confirmacións
O FIV de Vilalba celebrará a súa XIX edición os días 24 e 25 de abril de 2026, con abonos xa dispoñibles na web oficial do festival
O FIV de Vilalba, que celebrará a súa XIX edición os días 24 e 25 de abril de 2026, presenta hoxe o seu primeiro avance artístico con cinco nomes que combinan referentes da escena estatal e novos talentos en auxe: La M.O.D.A., Alcalá Norte, Repion, Celia Becks e Grande Osso subiranse ao Escenario Vibra Mahou. O anuncio chega tras o éxito do Fiver Friday, a promoción especial que permitiu ao festival superar xa os 1.000 abonos vendidos nun arranque histórico.
Os abonos están xa dispoñibles na web oficial, por 44 euros máis gastos de xestión no seu primeiro tramo de venda e con unidades limitadas. Organizado polo Concello de Vilalba e i-radia Crea, o FIV consolídase como unha das citas musicais máis queridas de Galicia, cun modelo baseado na música independente, a convivencia e o impulso ao territorio.
Este primeiro adianto combina referentes consolidados e novas voces en expansión, fiel ao espírito do festival. La M.O.D.A. chegará inmersa na xira do seu último álbum "San Felices", cun directo épico construído a base de máis de seiscentos concertos e unha sólida conexión co público. Alcalá Norte, fenómeno absoluto da nova escena alternativa e presenza en festivais como Primavera Sound ou Mad Cool, chegará a Vilalba tras esgotar varias noites en La Riviera e o Sant Jordi Club. Repion, o dúo cántabro que presentará o seu novo disco 201, destaca pola súa forza escénica e polo seu crecemento constante dentro da escena independente. Celia Becks, ex baixista e compositora de La La Love You, achegará o seu pop alternativo tras o lanzamento do seu recente single No necesitamos saberlo todo. Pecha o avance Grande Osso, dúo de DJs da Mariña que combina indie, rock, pop, disco, funk e house en sesións de alta enerxía que xa son un clásico no FIV.
Un festival que transforma Vilalba cada primavera
Desde a súa creación en 2008, o FIV consolidouse como unha das citas musicais máis singulares e queridas de Galicia, implicando á veciñanza, ao comercio e á hostalaría nun encontro cultural que cada primavera transforma Vilalba. Na súa última edición, celebrada en abril de 2025, reuniu máis de seis mil persoas grazas ao seu cartel, ademais de actividades e concertos abertos.
En 2026, o FIV volverá propoñer dous días de música, actividades paralelas, espazos abertos e encontros pensados para vivir o festival dentro e fóra do recinto, reforzando o seu papel como motor cultural, social e turístico da Terra Chá.

