 
E, co terceiro adianto, chegou a escuridade. O venres 17 de xaneiro, ás 00.00 horas, publicarase "O Último Baile", a creación coa sonoridade máis visceral e agresiva das tecidas até o de agora por De Ninghures. Trátase do terceiro sinxelo de avance do que será o novo álbum de estudio da formación, un traballo producido por Juan de Dios Martín que verá a luz nas vindeiras semanas.
"O Último Baile" parte dunha copla recollida en 1979 en Arzúa por Dorothé Schubarth á informante Salomé e que se atopa no APOI (Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade). A partir desta lírica da tradición popular, e fiada polos propios versos e música de De Ninghures, nace un tema que fala do mal amor, “ese amores que se che meten na cabeza e que nos consumen”. Unha idea que se reforza a través dunha instrumentación escura e hipnótica e dunha sonoridade agresiva e visceral, que medra coma se tecese espirais, ata entrar en bucle, “como se fora unha obsesión que te encende e te destrúe a partes iguais”, apunta a banda.
De Ninghures.
De Ninghures fan música cos pés na terra e os brazos abertos. Son unha das bandas referentes da potente e rica escena actual en Galicia. Un grupo que mestura mestría musical e actitude desenfadada, que sorprende en cada canción coas súas diferentes voces e a súa actualización das coplas e melodías populares, e que nos fai tanto bailar como emocionarnos coa súa particular fusión da música tradicional galega con ritmos e inspiracións doutras culturas como a latinoamericana ou a magrebí.
En 2022 publicaron "Aquí", o seu primeiro álbum, e máis de medio cento de concertos e algúns sinxelos despois - coma o exitoso "Morena", galardoado como Mellor Música do Ano en Galicia nos Premios Ari(t)mar, ou a enérxica "muiñeira de montaña Poço"-, a comezos de 2025 presentarán traballo novo, do que xa se coñecen "Corazón Alionado" e "A Burriña".
 
            Compra tus entradas para la gira "GALLO NEGRO" de Villanueva.