 
"Lovismo", o novo disco d’A banda da Loba, ABDL, xa está dispoñible. Desde o 17 de xaneiro, o público pode escoitar o agardado quinto traballo do grupo composto por once temas que teñen como fío condutor o amor nas súas múltiples formas de expresións ―o desexo, as relacións, a maternidade, o amor propio, a sororidade, o amor polo noso...― e que leva o selo do estilo calidoscópico de ABDL.
O disco comeza co sinxelo xa presentado "Lova", un tema que fala da transformación a través do amor, da liberación dese fío vermello que nos conecta co resto de persoas, deixando atrás os prexuízos, as normas e as imposicións para amar e amarnos como desexemos. Segue con "Amigas", unha reflexión sobre a sororidade na amizade feminina cuxa mensaxe está inspirada no libro "Canto eu e a montaña baila" de Irene Solá.
A terceira creación é "Un pelouro que roda", un exercicio de serendipia que une nada máis e nada menos que Rosalía de Castro con Bob Dylan. Un (inesperado) vínculo entre "Follas Novas" (1880) e "Like a Rolling Stone" (1965) que confirma o poder visionario de Rosalía.
Con "A bachata da gata" a banda atrévese co xénero dominicano para falar sobre o desexo con versos tomados do poemario "Nós nus" de Olga Novo. A quinta composición, "Agora", inspírase na espera dun novo ser e o remexido de emocións que trae consigo. Se a iso engadimos a imaxe desa vida medrando nunha burbulla inzada de auga, o son do latexo do seu corazón e a fraxilidade dese pequeno ser, pódese ver facilmente o paralelismo coa lavadora que se escoita como único acompañamento rítmico deste recitado intimista.
O ecuador do disco, "Estreliña riscada", é un arrolo, un agasallo intanxible para certa lobiña que acaba de chegar ao cubil e tamén, por extensión, para todos os pequechos que desde un colo protector escoitan a quen lles canta con todo o amor do mundo. A sétima canción, "Salta", é, sen dúbida, a peza máis vitalista deste "Lovismo": un convite a saltar, bailar e vivir a vida gozando cada minuto ata o solpor.
No tocante ao xa presentado "Xogo de agardar", trátase dun tema inspirado no que se sente cando coñecemos a unha persoa e, con só unha ollada, saltan faíscas. Unha creación sobre as cóxegas na boca do estómago e ese xogo de sedución que pode acabar ben, ou non, pero que se converte desde o inicio nunha pequena historia de amor que enche de ledicia. A novena canción, "Cruel filosofía", é a musicalización do poema homónimo de Luísa Villalta e conta coa colaboración de Tomé Mouriño (De Ninghures). Todo colle nesta peza: a quietude nas agullas do reloxo, a necesidade humana de florecer cando só nos quedan espiñas pero tamén o amor propio, o espírito de superación e a liberdade ao bailar.
Na décima composición, "E o mar", ABDL volve á poesía de Villalta para falar da conexión emocional do pobo galego co mar, da necesidade de coidalo, de protexelo e, por que non?, de escoitalo. "Lovismo" pecha con "Olliños", unha canción coproducida con Terrae sobre as regras do xogo do amor que aprendemos por ensaio e erro para descubrir ao final que eran moito máis sinxelas e fermosas do que pensabamos.
Festa licántropa na Capitol
A presentación pública de "Lovismo" será nun concerto na Sala Capitol de Santiago o vindeiro 1 de febreiro. As entradas para esta cita están á venda na web da sala e fisicamente na tenda Trisquel Artesanía da cidade picheleira. Os menores de 16 anos poden asistir ao concerto sempre que estean acompañados dun adulto responsable e será indispensable presentar o DNI.
Este concerto de presentación do novo traballo das “Lobas” será unha auténtica festa na que estarán rodeadas de artistas amigos para dar a benvida a "Lovismo". Así, esa noite compartirán o escenario con De Vacas, Tomé Mouriño (De Ninghures) e os músicos Adrián Real, Manu Doel, Lara Porto e Cristóbal Fernández, responsables dos instrumentos de vento do disco.
 
            Compra tus entradas para la gira "GALLO NEGRO" de Villanueva.