 
"Lovismo", o quinto disco de A banda da Loba, ABDL, publicarase o vindeiro 17 de xaneiro nas principais plataformas. Este esperado novo LP chega logo dun ano da banda afastada dos escenarios para traballar arreo nun disco que ten como fío condutor o amor nas súas múltiples formas de expresións ―o desexo, as relacións, a maternidade, o amor propio, a sororidade, o amor polo noso...― e que leva o selo do estilo calidoscópico de ABDL. Este mesmo venres 17 tamén se publicará na web de NoSoloEsRuido e na nosa canle de YouTube un novo programa de #CharlandoCon, no que falarémos con Xiana Lastra, vocalista de ABDL.
O anuncio chega acompañado da saída do sinxelo "Xogo de agardar" e mais o seu videoclip. "Xogo de agardar" é un tema inspirado no que sentimos cando coñecemos a unha persoa e, con só unha ollada, saltan faíscas. Un tema sobre as cóxegas na boca do estómago e ese xogo de sedución que pode acabar ben, ou non, pero que se converte desde o inicio nunha pequena historia de amor que enche de ledicia. Xogo de agardar publicarase ao mesmo tempo que o seu videoclip, gravado en Abrigueiro, con letra e música de Inés Mirás, exintegrante de ABDL.
Ouveos de festa na Capitol
A presentación pública de "Lovismo" será nun concerto na Sala Capitol de Santiago o vindeiro 1 de febreiro. As entradas para esta cita están á venda na web da sala e fisicamente na tenda Trisquel Artesanía da cidade picheleira. Os menores de 16 anos poden asistir ao concerto sempre que estean acompañados dun adulto responsable e será indispensable presentar o DNI.
Este concerto de presentación do novo traballo das “Lobas” vai ser unha auténtica festa na que estarán rodeadas de artistas amigos para dar a benvida a "Lovismo". Polo de agora están confirmadas a participacións de Tomé Mouriño (De Ninghures) e dos músicos Adrian Real, Manu Doel, Lara Porto e Cristóbal Fernández, pero quedan aínda novas sorpresas que serán anunciadas axiña.
 
            Compra tus entradas para la gira "GALLO NEGRO" de Villanueva.