Silee pecha o verán con ‘Na de Juan’ e anuncia as súas primeiras datas fóra de Galicia
O artista de Bueu publica o quinto adianto do seu próximo disco e levará a súa proposta a Barcelona e Madrid en febreiro de 2027
Silee pecha o verán con ‘Na de Juan’, o seu novo sinxelo e quinto adianto do que será o seu próximo traballo discográfico. O artista de Bueu regresa nesta ocasión á bachata para falar do vínculo coa súa terra e da decisión de gozar do verán e da súa xente lonxe das grandes aglomeracións.
O lanzamento chega despois de ‘Milajros de Amil’, ‘Bruxa Curuxa’, ‘Orballo’ e ‘Furancho’, catro cancións que foron amosando o carácter ecléctico desta nova etapa. ‘Milajros de Amil’ converteuse ademais no gran punto de inflexión de Silee este ano, chegando ao posto 18 das cancións máis virais de España en Spotify.
‘Na de Juan’ nace a partir da inspiración dunha canción rusa de 1997 e presenta unha introdución diferente ao publicado polo artista ata o momento. O tema chega acompañado dun videoclip dirixido polo propio Silee e gravado por Juan Gómez en distintas localizacións do centro de Vigo e da serra do Galiñeiro.
O novo lanzamento serve tamén para anunciar as primeiras actuacións de Silee fóra de Galicia. Serán dous concertos en febreiro de 2027, dentro da xira de presentación do seu próximo álbum.

