Sheila Patricia fusiona a tradición oral coa electrónica en «Bailador (Puro Rebumbio)»
A artista galega presenta un remix en clave bailable do seu tema de 'Epifanía', producido por Berto e acompañado dun videoclip rodado na Costa da Morte
A música de raíz galega atopa novos camiños na pista de baile. Sheila Patricia vén de publicar «Bailador (Puro Rebumbio)», un explosivo remix dun dos cortes máis celebrados do seu último álbum, "Epifanía". Mantendo intactas as coplas orixinais da "Ribeirana de Limiñoa" (Ponteceso) —recollidas da voz de Matilde Castro e da veciñanza—, a tema substitúe a clásica instrumentación acústica por unha contundente produción electrónica pensada para gozar dende outra perspectiva.
A batuta musical corre a cargo de Alberto Mira Cons, Berto, afianzando unha complicidade creativa que comezou en 2023 con colaboracións coma «A nosa canción». Dende entón, esta versión formaba parte xa ineludible dos directos da artista, e atopa agora o seu salto definitivo ás plataformas dixitais.
O lanzamento chega ademais acompañado dun coidado videoclip dirixido por Xaime Miranda e rexistrado na Costa da Morte, moi preto da contorna onde se orixinou a copla tradicional, contando coa participación activa do corpo de baile que acompaña habitualmente á cantante en directo. Con este novo paso, Sheila Patricia reafirma a vixencia e a versatilidade do noso folclore, hibridándoo coa vangarda sen perder nin un ápice de identidade.

