CALLLEJO pecha con 'Lonxe do frío' o díptico iniciado con 'Ningunha noite máis'
O músico vigués entrega un novo sinxelo de electrónica luminosa e bailable que amplía o universo do seu debut 'Moscoso' e anuncia concerto na Fábrica de Chocolate
O músico vigués Adrián Callejo, á fronte do seu proxecto en solitario CALLLEJO, completa con 'Lonxe do frío' o díptico narrativo que abriu anteriormente con 'Ningunha noite máis'. Publicado este xoves 12 de novembro nas a través do selo Escoita, o sinxelo funciona como a resposta luminosa ao seu predecesor: se aquel retrataba unha noite atrapada nunha espiral, esta nova entrega simboliza a saída, abordando o dó, a ansiedade e o medo dende unha óptica de superación e novos comezos. Ambas as pezas dialogan directamente compartindo versos e imaxes recorrentes, consolidando un relato coherente que expande o universo de 'Moscoso', o primeiro álbum en solitario do artista publicado o pasado 23 de abril.
No estritamente sonoro, 'Lonxe do frío' marca un xiro decidido respecto ao enfoque guitarrístico do tema anterior para apostar de cheo pola electrónica. Cunha base bailable, expansiva e vibrante que empuxa cara adiante sen esquecer a carga emocional da letra, a canción conta coa produción de Héctor Rodríguez (Rotce), habitual aliado no son de CALLLEJO e responsable tamén de 'Moscoso', e coa masterización de Pancho Suárez no Estudio Planta Sónica. Este traballo de estudo reforza o carácter versátil dun proxecto onde o multiinstrumentista vigués mestura con naturalidade electrónica, indie e pop.
A dimensión visual volve ocupar un lugar central nesta etapa grazas á portada asinada novamente por Carla Agustiño. O cadro, que dialoga coa estética do sinxelo anterior, amosa un cuarto de paredes cálidas e chan azul no que unha porta iluminada ao fondo e unhas escaleiras douradas abren un camiño de esperanza, reflectindo á perfección o tránsito emocional da canción. Deste xeito, CALLLEJO dá continuidade a unha proposta coidada ao detalle que xa chamara a atención na presentación previa con aplicacións web interactivas e carteis que imitaban prospectos médicos polas rúas de Vigo.
Con este díptico xa na rúa, o artista encara agora o salto a unha nova etapa sobre os escenarios. A primeira gran cita terá lugar o vindeiro 16 de abril de 2027 na sala La Fábrica de Chocolate de Vigo, onde estreará un espectáculo renovado con deseño de luces propio. Ademais, en maio emprenderá unha xira galega compartida con Nuntia que xa ten parada confirmada o día 15 na Arca da Noe, en Vilar de Santos, confirmando o excelente momento creativo do músico.

