Silee publica "Orballo" tras colarse en el Top 20 de las canciones más virales de Spotify
O artista galego Silee celebra o fito de situar o seu tema "Milajros de Amil" no posto 18 da lista das 50 cancións máis virais de España en Spotify co lanzamento do seu novo sinxelo "Orballo"
Un novo recoñecemento que pon en valor o momento doce que está a vivir o artista, e que se ve reflexado nesta cumbia que expón os seus medos e amosa a perseverancia ata chegar a estes meses no que todo o seu mundo está a mudar grazas ao éxito do primeiro sinxelo do que será o seu futuro traballo discográfico.
"Orballo" é un tema confeccionado para todas esas persoas que apoiaron a carreira de Silee dende os comezos. Un tema que nace para deterse un momento, escoitar e atender ao que sinte o cantante, que se abre de par en par para desafogar con todo o que está vivindo, e deixar ese pouso de quen tivo un soño, mantivo as ganas e nunca parou ata acadalo. Un exercicio de resiliencia de facer música e confiar no proceso ata chegar a este momento.
Este tema, autoproducido polo bueuense, nace da necesidade de construír unha cumbia utilizando para a súa base un garfo e un prato, e xogando cos sintetizadores para construír unha base que lle transmitiu tanto ao propio Silee que a letra naceu do que sentiu unha vez rematou a parte musical. Este novo sinxelo ve a luz xunto cun videoclip dirixido por el e gravado en Bueu e Aldán por Ángela Gestido, Christian Arcos e el mesmo, reforzando así a aposta do artista por traballar tanto a parte musical como a visual do seu proxecto.
Silee está a vivir un momento moi doce no ámbito musical, e tras dous meses do primeiro adianto do seu novo traballo, "Milajros de Amil", segue acadando novos fitos e recoñecementos. Camiño do medio millón de reproducións, o tema colouse esta pasada semana entre as 50 cancións máis virais de España na plataforma Spotify, compartindo lista con artistas de talla mundial como Quevedo, Olivia Rodrigo, The Chemical Brothers ou o mesmo Michael Jackson. Silee convértese así no terceiro artista que é capaz de introducir un tema en galego nesta lista este ano, tras LG1DO e The Rapants.
“Foi bastante tolo. Ver outra canción en galego entre as máis virais, tras xente como LG1DO, un dos proxectos que máis me gustan na actualidade, é todo un orgullo. Orgullo por ver onde está a música en galego na actualidade. Cústame pensar no presente porque teño a vista posta no futuro e en traballar para superar o feito ata agora, pero non dou asimilado todo o que está a pasar arredor de Milajros de Amil”, declarou Silee.

