NoSoloEsRuido logo
Banner horizontal

Fillas de Cassandra abren as portas á ‘Tertúlia’ e publican o seu segundo LP

Por Redacción NoSoloEsRuido
Imagen de la noticia

O novo traballo discográfico de María SOA e Sara Faro conta coas colaboracións de Abraham Cupeiro, Ede, Pipiolas e Zetak. A xira de presentación do novo disco arrincará o 9 de maio no Recinto Feiral de Pontevedra coa celebración dunha ‘Gran Tertúlia’ que contará con numerosas invitadas

Novas cancións e vivencias, novas propostas artísticas e musicais; unha nova imaxe e un espírito renovado: Fillas de Cassandra abren as portas por fin á ‘Tertúlia’ e lanzan o seu novo álbum, editado baixo o selo Altafonte. Este segundo LP, producido polas propias María SOA e Sara Faro con Çantamarta, supón un paso firme na evolución artística das viguesas, tal e como avanzaron os adiantos ‘saír á fresca’, ‘insolación’ e ‘déixate ver’.

Tras o impacto do seu debut ‘Acrópole’ (Tremendo Audiovisual, 2023), Fillas de Cassandra presentan doce novos temas onde o orgánico e a electrónica contemporánea se entrelazan para expandir o universo sonoro do dúo, que leva convocando á ‘Tertúlia’ desde hai meses e á que quere que todo o mundo se sinta convidado. “Veña vente que hai tertúlia!” é o manifesto que se lanza desde o tema de apertura do disco.

A electrónica -desde os ritmos rotos ao ambient- convértese na linguaxe protagonista dun álbum que se articula arredor de 12 temas nos que Sara Faro e María SOA abordan os afectos, a loita pola liberdade individual ou a xustiza social; e nos que contan coa colaboración de artistas da escena estatal como Abraham Cupeiro, Ede, Pipiolas e Zetak.  

Imagen intermediaFoto: Paloma Fernández

Fillas de Cassandra propuxeron unha ruptura conceptual co ideario dos seus anteriores traballos. Elas son as mesmas, pero alí onde proxectan as súas inquietudes e as súas alegrías cambiou. Cancións como ‘cuchicheo’, ‘Alboroto’ ou ‘bUCÓLICA’ supoñen unha aposta clara pola electrónica de baile, pola rabia, a vida e a axitación; mentres, ’VERBENA’, 'Filla Filliña’ ou ‘am0r’ son o contrapunto emocional, unha pausa para repousar o vivido na festa e poñerlle palabras e sentimentos ao que anhelamos e tememos. A ‘Tertúlia’ remata cunha canción como ‘lodos’, que aúna ambos mundos e tan cargada de verdade e beleza que non nos queda outra que lanzarnos á rúa a vivir.

Ao falar desde si mesmas, Fillas de Cassandra fixeron a súa mensaxe aínda máis universal e máis rabiosamente actual. Esa ollada contemporánea non está só na concepción das cancións, senón na propia presentación do proxecto.  

‘Tertúlia’ utiliza a cadeira como fío condutor e símbolo central do proxecto. Un elemento presente e clave no imaxinario popular para os encontros informais, as reunións veciñais e a transmisión oral. Este concepto transfórmase na portada do álbum a través de doce pezas escultóricas —unha por cada canción— creadas polo colectivo As dúas e punto.

 A imaxe visual do proxecto contou tamén coa fotógrafa Arancha Brandón e a deseñadora Kika V. Ramil. Máis aló da imaxe, a portada de ‘Tertúlia’ converteuse nunha experiencia física este mes de abril a través dunha instalación artística, titulada ‘TERTÚLIA: doce cancións, doce cadeiras’ que se puido visitar na Fundación Eugenio Granell (Santiago) e Infinito Delicias (Madrid), onde o público puido habitar a portada e preescoitar o disco en primicia.

A gran presentación de ‘Tertúlia’ terá lugar o 9 de maio no Recinto Feiral de Pontevedra. O escenario transformarase nunha gran praza aberta onde Fillas de Cassandra citarán ao público para poñer, por fin, a palabra no centro. As entradas para o encontro, no que xa confirmaron a súa presenza Ede e Pipiolas, están á venda.  

Publicidad

Publicidad móvil