Ukestra do medio publica ‘De Aquí e Acolá’ o seu novo disco
Ukestra do medio publicaron este venres 27 de marzo ‘De Aquí e Acolá’, o seu terceiro disco de estudio do que xa se coñecen adiantos como ‘Vamos Lá!’, ‘A Candeloria’ ou ‘O demo no corpo’.
‘De Aquí e Acolá’, o seu terceiro disco de estudio do que xa se coñecen adiantos como ‘Vamos Lá!’, ‘A Candeloria’ ou ‘O demo no corpo’. O disco componse de 10 temas e ábrese a inspiracións non exploradas anteriormente. Así, a cumbia, a bossa nova ou a música de aire tradicional conviven con ritmos máis habituais nos traballos da Ukestra como son o pop, o swing, o folk ou a música de aire country. Unha mestura intencionalmente ecléctica e heterodoxa.
‘De Aquí e Acolá’ preséntase como o disco máis alegre da Ukestra do medio, no que predominan a celebración da natureza e da vida e a esencia do cotiá, sempre presente na narrativa da súas producións. Pero tamén hai espazo para certa melancolía relacionada co desarraigo, para as lendas tradicionais de mouros e tesouros e como non, para o desamor. Aínda que con certa ollada de esperanza. A ironía e as letras críticas tamén teñen o seu espazo neste novo traballo.
O título do disco fai referencia á diversidade de estilos nas músicas e de historias nas letras. Esa mesma variedade está recollida na idea do deseño da cuberta, un pasaporte no que cada carimbo é unha das cancións do disco. Todo isto condensa a idea de que a escoita é unha especie de viaxe por lugares e ambientes ben diversos.
‘De Aquí e Acolá’ foi gravado e mesturado por Jacobo Iglesias nos Estudios Potemkin, excepto ‘A Candelória’ (Xurxo Pinheiro no Laboratório Soyuz). E masterizado por José Martínez en Bonham Studios. Todos os temas son da Ukestra do Medio excepto "Tonight You Belong to Me", composta en 1926 por Billy Rose e Lee David. Da que existen versións tocadas con ukulele como a de Eddie Vedder no disco "Ukulele Songs" (2011).

