NoSoloEsRuido logo
Banner horizontal

Sinsal SON Estrella Galicia expande o seu horizonte

Por Redacción NoSoloEsRuido
Imagen de la noticia

O evento cultural decorrerá por vez primeira en dúas fins de semana consecutivas: do 24 ao 26 de xullo desenvolverase fundamentalmente no arquipélago; mais do 31 de xullo ao 2 de agosto terá lugar en Vigo e outras localidades da contorna

A edición de 2026 de Sinsal SON Estrella Galicia será moito máis que un festival: será unha travesía. O icónico evento cultural, famoso polo seu cartel secreto, ampliará a súa actividade e, por vez primeira na súa historia, celebrarase ao longo de dúas fins de semana consecutivas, conectando o corazón da Ría de Vigo con outros territorios e espazos singulares da contorna.

O Sinsal, a cita na que o público só descobre a programación de bandas e artistas ao desembarcar en San Simón, regresará á illa do 24 ao 26 de xullo. Este enclave, no que se desenvolve desde 2010, é un piar fundamental da súa identidade. Ao longo destas 15 edicións, máis de 30.000 persoas chegadas de todo o mundo puideron achegarse, a través do evento, á memoria do arquipélago. A esencia do Sinsal radica en que, alén de ser unha xanela á creación contemporánea e da memoria sonora, funciona como un espazo de divulgación e posta en valor do patrimonio histórico, cultural e natural dunha illa que foi fonte de inspiración de trobadores, lazareto e campo de concentración.

Neste 2026, Sinsal SON Estrella Galicia expandirá a súa acción pola ría de Vigo e outros territorios ata superar as fronteiras xeográficas. A travesía levará o festival a transitar polo Camiño Portugués, reforzando o vínculo co país veciño que o evento cultiva desde os seus inicios -tanto pola incorporación de bandas como pola notable porcentaxe de público portugués que asiste a cada edición-.

Deste xeito, Sinsal contará con directos e propostas culturais tanto na cidade viguesa como noutras localidades da contorna. Aínda que algunhas actividades terán lugar na mañá do venres 24, o groso desta programación decorrerá do 31 de xullo ao 2 de agosto.

Recoñecido neste mesmo ano como unha das mellores iniciativas culturais a nivel estatal pola Fundación Contemporánea -sendo o único evento galego situado no top 10 dos mellores festivais de música-, o Sinsal volverá ofrecer unha coidada e exquisita programación. A diversidade estilística, o protagonismo de proxectos liderados por mulleres e a estrea de numerosas bandas e solistas -tanto en Galicia coma en España- serán, un ano máis, o compás que guíe a travesía.  

Publicidad

Publicidad móvil