NoSoloEsRuido logo
Banner horizontal

The Rapants publicará 'Rapants Club', o seu novo álbum, o 4 de marzo

Por Redacción NoSoloEsRuido
Imagen de la noticia

Os rapantes deron a coñecer, nas últimas semanas, dous avances do seu cuarto LP, "Non sei Como" -con Joe Crepúsculo- e "Viaxei"

A banda muradá The Rapants publicará o seu cuarto LP, "Rapants Club", o vindeiro 4 de marzo. Neste novo álbum, a banda muradá leva a súa música a outro nivel: variedade estilística, guitarras frenéticas, sintetizadores e retrousos pegadizos desde a primeira escoita conflúen nun traballo que dá boa conta da evolución do grupo, á vez que mantén, máis viva ca nunca, a esencia e identidade rapante.

Rapants Club é moito máis que un disco: é a nosa maneira de entender a vida a través da música, de agradecer e compartir algo con toda a comunidade que formou e forma parte do noso progreso”, explican os rapantes, que acadaron esta semana os 100.000 ouvintes en plataformas como Spotify, na que o seu sinxelo "Non Sei Como" se situou como un dos temas máis virais en España.

Imagen intermedia

Neste novo álbum, The Rapants presenta unha ducia de temas cunha sonoridade moi especial. A banda abre a porta a diferentes estilos musicais (como deixou albiscar en "Non Sei Como" -con Joe Crepúsculo- e "Viaxei"), especialmente cara ao disco e a electrónica, e abraza tamén letras máis escuras; mais segue a por en valor a diversión, as guitarras frenéticas, os riffs desafiantes, as sentenzas románticas e os retrousos memorables, todos eles aderezados coa naturalidade e a honestidade que caracteriza ao grupo.

Así, os creadores de éxitos xeracionais como "La Favorita", "O avión" ou "Meu Cariño" publicarán o vindeiro 4 de marzo un disco “bonito, elegante e atemporal” e que, como definen eles mesmos, será “o máis fiel ao carácter e gustos” do cuarteto.

A grande inauguración deste "Rapants Club", o concerto no que se poderán escoitar por vez primeira ao vivo os novos temas, terá lugar o sábado 28 de marzo no Multiusos Fontes do Sar de Santiago de Compostela, cita na que se esgotaron, en poucos días, as 4.500 entradas que se puxeron á venda.  

Publicidad

Publicidad móvil