Laura LaMontagne regresa con ‘SonRisas Falsas’, unha demoledora crítica á industria musical
A artista lucense volve tras dous anos de parón con ‘SonRisas Falsas’, un tema de electropop escuro no que transforma a traizón e a desilusión dentro da industria musical nun relato irónico e profundamente emocional.
Tras dous anos de silencio Laura LaMontagne inicia unha nova etapa artística en solitario co lanzamanto do single ‘SonRisas Falsas’, unha canción de electropop escuro e minimalista cantada en galego e inglés. A artista lucense vai directa á ferida. No novo tema fala abertamente da traizón e as dinámicas abusivas de poder que sufriu dentro da industria musical nun relato directo, irónico e profundamente emocional.
A través desta confesión sen precedentes na música galega, Laura busca pechar unha etapa dolorosa e recuperar a súa identidade para seguir facendo música sen ataduras. O tema está producido por Héctor Rotce (Lontreira, Montedapena), que creou unha atmósfera escura e tensa con ecos de ‘bad guy’ de Billie Eilish. Laura e Héctor xa colaboraran no tema ‘Cuando te voy a volver a ver’, publicado a finais de 2025.
O lanzamento vén acompañado dun videoclip dirixido polo burelense Adrián Canoura (VFX en Baiuca e director da película "Fomos ficando sós"), que reforza o carácter visual e narrativo desta nova fase. No videoclip tamén participan Aldara Pagán como axudante dirección, Carlos Rodil como director de fotografía, Juanma Lodo como técnico de vídeo analóxico e Manuel Lucas Mariño, integrante do grupo De Ninghures, na foto fixa.
Sobre Laura LaMontagne
Entre 2019 e 2023 formou un dúo xunto ao DJ PicoAmperio co que desenvolveu unha proposta vangardista que reformulaba o folclore galaicoportugués, reinterpretando cantigas medievais e abrindo camiño a unha forma distinta de entender a música feita desde Galicia. A súa mestura de poesía e electrónica gozou de grande acollida de crítica e público e culminou coa publicación do disco "Algo que sinalar" en 2022. Nesta nova etapa, Laura LaMontagne conta co respaldo da axencia de artistas e produtora de recente creación TodoTofu.

