Whigfield e Choriza May, novas confirmacións do Atlantic Pride 2026
Whigfield, unha das figuras máis icónicas do pop-dance europeo, que acadou fama mundial nos anos 90 co seu himno xeracional "Saturday Night", visitará Galicia o xoves 9 de xullo, mentres que o sábado 11 de xullo chegaralle a súa quenda a unha das artistas máis singulares e festexadas da escena drag internacional do momento, Choriza May
O Festival Atlantic Pride anuncia novos nomes no seu cartel para este verán: Whigfield, icono dance internacional, responsable, entre moitos outros, do himno noventeiro "Saturday Night", e Choriza May, unha das artistas máis singulares da escena drag mundial do momento, visitarán Galicia para festexar a diversidade e o pop máis universal no ‘Orgullo do Norte’ coruñés o próximo mes de xullo. A estrela danesa do dance encherá os Xardíns de Méndez Núñez da cidade herculina a noite do xoves 9 de xullo, mentres que o descaro e o humor de Choriza May chegará á Coruña, tamén ao escenario dos Xardíns de Méndez Núñez, o sábado 11 de xullo.
Sannie Carlson, coñecida mundialmente como Whigfield, é unha das figuras máis icónicas do pop-dance europeo. Acadou fama internacional nos anos 90 co himno xeracional Saturday Night, que fixo historia ao debutar directamente no número 1 do Reino Unido e conquistar as pistas de baile de todo o mundo. Con millóns de discos vendidos, múltiples números 1 e unha carreira activa durante máis de dúas décadas —tanto enriba do escenario como detrás del, compoñendo e producindo para grandes nomes da electrónica—, Whigfield regresa agora aos directos cunha xira internacional chea de enerxía, nostalxia e espírito festivo, perfecta para facer bailar a todo un festival.
Pola súa banda, Choriza May é o electrizante alter ego drag de Adrián Martín. Famosa por participar en RuPaul’s Drag Race UK e UK vs The World, a artista combina humor, estética pop e crítica social nunha performance chea de enerxía e descaro. Cantante, deseñadora gráfica e autora de Formen filas, Choriza May celebra a identidade queer, a diversidade cultural e a creatividade sobre o escenario. O seu é un espectáculo irreverente e festivo que non deixa a ninguén indiferente.

