O FIV de Vilalba anuncia o seu cartel por días
Carlos Ares e Alcalá Norte encabezan o venres 24 e La M.O.D.A. lidera o sábado 25 de abril
O FIV de Vilalba, que celebrará a súa XIX edición os días 24 e 25 de abril de 2026, presenta o seu cartel por días e pon á venda, ao tempo, as entradas diarias a través da páxina web oficial do festival. O anuncio permite xa planificar a experiencia por xornada, nunha edición que volverá encher Vilalba de música independente e encontros, combinando grandes directos nocturnos coa programación de día no centro da vila.
O venres 24 subiranse ao Escenario Vibra Mahou Carlos Ares e Alcalá Norte, nunha noite que mestura pop alternativo e algunhas das voces máis destacadas da escena estatal actual, mentres que o sábado 25 estará protagonizado por La M.O.D.A. e Ángel Stanich, con espazo tamén para a intensidade rock e para a celebración colectiva que define o festival.
Venres 24: unha noite de pop alternativo
Carlos Ares chega ao FIV como unha das voces galegas con maior proxección no pop alternativo. Pola súa banda, Alcalá Norte converteuse nun dos nomes máis comentados da nova escena alternativa desde a publicación do seu álbum de debut. Celia Becks suma ao cartel unha proposta de pop emocional e xeracional. Completa a noite Futuro Alcalde, cun son que mestura electrónica con garage, punk e outras influencia nun Concerto Vibra Mahou. A banda é unha das seleccionadas a través do acordo de colaboración establecido entre a cervexeira e a Fundación Paideia Galiza, co obxectivo de promover o talento e impulsar proxectos musicais incluídos nos programas de aceleración da fundación. Completa a programación Rapariga DJ, un dos nomes habituais para pechar a festa cunha sesión pensada para bailar até o final.
Sábado 25: La M.O.D.A. e Stanich lideran unha xornada con programación diaria e aberta
O sábado 25 será o día grande, encabezado por La M.O.D.A. e Ángel Stanich, e completado por Repion, Puño Dragón, Grande Osso. Todos eles pasarán polo Escenario Vibra Mahou nunha noite que promete ser inesquecible para o público. A Praza do Concello acollerá os concertos de día, coa Banda de Música de Vilalba o FIV Stars – Karaoke con Esteban e Dj Set da man de Grande Osso.
Pincha aquí para leer nuestra crónica de anteriores ediciones

