NoSoloEsRuido logo
Banner horizontal

Fumega Fest 2026 desvela o seu cartel por días e pon á venda as entradas de día

Por Redacción NoSoloEsRuido
Imagen de la noticia

O festival Fumega Fest vén de desvelar a distribución por días da súa segunda edición, seguindo coa súa aposta por traer ao Parque do Pasatempo de Betanzos a algún dos mellores nomes a nivel europeo do Stoner Rock e o Doom Metal

A primeira xornada estará marcada pola presenza da exclusiva banda británica Conan, que xunto a Burst (Suecia), Men Eater (Portugal), Luciférnaga (Vigo) e Travo (Portugal) abrirán por todo o alto o venres. Por outra banda, o sábado, derradeira xornada do festival, estará protagonizada pola presenza dos ucraínos Stoned Jesus, que compartirán escenario con bandas como Wet Cactus (Cantabria), Volcanova (Islandia), Moura (A Coruña) e Causa Sui (Dinamarca). Desta maneira, o evento segue afianzando o status como unha das grandes referencias do xénero na Península Ibérica, así como o principal evento do mesmo no estado español.

Os ritmos intensos, as guitarras distorsionadas e as atmosferas sonoras encherán de novo Betanzos tras o bo sabor de boca da súa primeira edición, celebrada o pasado verán. Recuperando o espírito rockeiro e metaleiro do Parque do Pasatempo, o festival busca seguir dando pasos cara asentarse como evento referencia na Península Ibérica para os xéneros saídos do rock e o metal alternativos.

Co anuncio da distribución por días do cartel, o festival ten xa á venda as entradas de día, cun prezo promocional e limitado de 37€, que se suman aos abonos dispoñibles dende 62€ na páxina web do festival. Tamén está dispoñible o acceso á acampada, que ten un custo de 22€ e acceso os dous días de festival.

Publicidad

Publicidad móvil