NoSoloEsRuido logo
Banner horizontal

A afección do Celta xa ten novo himno co lanzamento de 'Afouteza', novo sinxelo da banda morracense Quinkillada

Por Redacción NoSoloEsRuido
Imagen de la noticia

As bancadas e inmediacións de Balaídos contan dende hoxe cunha nova canción para corear en previas e partidos. Afouteza é o novo sinxelo da banda morracense Quinkillada, que pon música ao sentimento da afección celeste. Un tema divertido e bailable que xorde do sentimento fondamente celtista da banda, e que aspira a acompañar ao equipo como canción dos seareiros.

"Afouteza" nace na celebración do aniversario de voda de Iago Aspas, onde tocaron algúns dos membros da banda. Das conversas que se sucederon ese día destacaron a necesidade de ter cancións divertidas e bailables para acompañar á afección celeste nos seus partidos. Desta maneira xorde este sinxelo da banda, que se pretende alonxar da epicidade e institucionalidade dos himnos oficiais, enfocando o sentimento cara eses afeccionados que senten o Celta como seu e ao que lle instan a dalo todo na súa letra. Un “himno da afección” coreable, cantable e bailable que pretende chegar ás bancadas do estadio. Desta maneira, Quinkillada pon en valor o seu sentimento celtista, á par que pretende dar voz a todos os seareiros do equipo vigués.

Este tema ve a luz unha semana antes do seu seguinte lanzamento musical, unha colaboración con dúas grandes bandas galegas como Grande Amore e Capital Voskov que recibirá o título de “Derradeira Canción”. Desta maneira, a banda comeza os adiantos do seu novo traballo, coa vista posta nun 2026 no que seguirán a levar a súa música por todas partes e a facer dos seus concertos unha celebración coa alma da festa galega ben presente.

Imagen intermedia

MÁIS SOBRE QUINKILLADA

Transitando xéneros como a cumbia, o rock, o ska e os ritmos máis bailables, Quinkillada é o grupo que sintetiza a alma da festa galega. Combinando nas súas composicións tons festivos, populares e reivindicativos, a banda constrúe o seu legado a base de músicas enérxicas, auténticas e, sobre todo, bailables. Dende os torreiros das festas máis populares ás tarimas das salas e festivais máis importantes, Quinkillada é capaz de transformar calquera contexto nunha pista de baile.

 Cunha carreira meteórica ás costas, a banda morracense xa conta con máis dun centenar de concertos no seu haber, levando o seu bo rollo a grandes festivais galegos como OurenSound, Festival de la Luz, Castañazo ou Armadiña Rock. A súa música chegou tamén ás grandes salas de concertos do estado, con actuacións nas míticas Razzmatazz de Barcelona ou Capitol de Santiago de Compostela.

 Con xa tres discos publicados, acumulando centos de milleiros de reproducións en plataformas, a banda traballa en novos horizontes aos que levar a súa festa de guitarras, ventos e diversión. A verbena galega busca expandirse e chegar a todas partes envolta na súa música.

Publicidad

Publicidad móvil