HUGO GUEZETA insta a dar valor á palabra fronte as inxustizas en 'A Palabra Como Arma', o seu novo sinxelo
Este último tema pecha a etapa de 'O Noso Tempo', coa que leva traballando dende 2024. O rapeiro péchase de novo no estudo pra traballar dende xa no seu próximo traballo
Hugo Guezeta pon fin á súa etapa tras "O Noso Tempo" coa publicación de "A Palabra Como Arma", novo sinxelo do rapeiro. Mantendo o seu espírito combativo e reivindicativo con letras moi directas e melodías inspiradoras, Hugo mergúllase no concepto de dar valor á palabra e loitar por, en colectividade, utilizar a nosa para denunciar as situacións inxustas que se están a vivir hoxe en día nun contexto global caótico. Tamén destacan as referencias ao feito de que non posicionarse en situacións de inxustiza social e humanitaria tamén é unha posición política, reprendendo a todos os que se poñen de lado para obter beneficios individuais ou manter o seu status.
Desta forma, Hugo non perde o foco na súa razón de ser como artista, utilizando a súa voz para ser un transmisor das inxustizas que asolagan tanto Galiza como a propia sociedade actual. O ponteareán mergullouse, co lanzamento de "O Noso Tempo", nunha etapa na que combinou a súa faceta máis intimista e introspectiva coa combatividade e reivindicación que leva marcada a súa carreira e a súa vida.
Este novo sinxelo conta novamente coa participación de Peter Petrowski na produción, así como de Arón Ferreiro ás guitarras, compañeiros fieis nesta etapa do rapeiro, tanto na produción dos temas como na xira de presentación dos mesmos. Nesta ocasión, súmase ao tema o último dos integrantes que se sube aos escenarios con Hugo, o seu dj That Bass, que aporta os seus scratches no tema. Xunto ao tema ve a luz un vídeo que o acompaña, gravado por Juancho Everman.
Tras o lanzamento do seu primeiro disco de longa duración en solitario, "O Noso Tempo", así como sinxelos posteriores que foron collendo peso na súa xira de presentación, como "Equilibrar" xunto a Guadi Galego, "Crise" xunto a Vimbio e revivindo o espírito de SonDaRúa, ou "100 Frases"; Hugo pon fin a esta etapa, pechando o ciclo con este último lanzamento e o seu derradeiro concerto do ano na súa casa, na sala JJ Copas de Ponteareas, que se celebrou o pasado 5 de decembro. Desta maneira, o rapeiro pecharase no estudo para traballar no seu seguinte traballo, así como nos seguintes pasos dunha carreira que xa o destaca como un dos grandes nomes do rap e do xénero urbano en Galicia.

