Máis dunha veintena de artistas, con Delaporte, Queralt Lahoz ou Ariel Rot, no cartel dos Concertos do Marisco de O Grove, o máis numeroso da súa historia.

Concertos do Marisco terá lugar entre o 3 e o 12 de outubro na Praza do Corgo de O Grove, todos os concertos son de balde

09/09/2024 Diego Añon

Nesta edición pasarán pola Praza do Corgo de O Grove máis de vinte artistas, con concertos de balde todos os días da festa. Concertos do Marisco segue a súa liña de ser unha programación diversa e de calidade, dirixida para todos os públicos na que conviven grandes artistas nacionais e internacionais con novas bandas de gran proxección. Ademáis, destaca a gran presenza de grupos locais, con máis dunha decena de propostas.

 Serán dúas bandas mecas as encargadas de abrir a festa o xoves 3 de outubro, Caballito e Freshkiños. O venres día 4 será a quenda de dous dos grupos galegos máis populares da actualidade, The Rapants e Mondra, con o dj Djow para pechar a festa.

 Entre os grandes nomes de Concertos do Marisco atopamos ao dúo de música pop-electrónica Delaporte, que subirá ao palco o sábado 5, depois de Carlangas y los Cubatas. Serial Killerz, un dúo de dj que mesturan xéneros como o rock e a electrónica, tamén actuarán o sábado. Esa primeira fin de semana completarase o domingo 6 cos concertos das galegas Cinco en Zocas e Guadi Galego.

 Durante a semana as bandas locais serán as encargadas de animar a Praza do Corgo. Pasarán polo palco o luns 7 Os Firrás e Arroba de Viño; o martes 8 Fla-Meco e o mércores 9 A Banda do Sequío. O xoves 10 tocarán Os Carismáticos e o grupo de rock valenciano Santero y los Muchachos.

 A artista catalana Queralt Lahoz, unha das voces máis destacadas do panorama independente, tamén pasará polo palco de O Grove o venres 11, así como o músico arxentino Ariel Rot -coñecido por formar parte de bandas como Tequila ou Los Rodríguez-. Pechará a noite o dj Nanein. Para a noite do sábado 12 Concertos do Marisco dará a coñecer nas próximas semanas unha última confirmación, unha banda de gran relevancia a nivel nacional, que acompañará ao grupo galego Terrae e a Manu TF.