De Ninghures estrea ‘Corazón alionado’, o primeiro avance do seu novo álbum.

Producido por Juan de Dios Martín, a banda desata a súa rabia nunha canción intensa e pegadiza.

24/11/2024 Diego Añon

De Ninghures publica "Corazón alionado". Trátase do primeiro avance que a banda dá a coñecer do que será o seu novo traballo discográfico, un álbum que verá a luz nos primeiros meses de 2025.

 "Corazón alionado", producido polo recoñecido Juan De Dios Martín, é unha peza con carácter que remarca a identidade dunha banda que pon en valor a música de raíz e a creación contemporánea. Desta quenda, De Ninghures presenta un tema no que o grupo desata a súa rabia nunha canción intensa e pegadiza. “Nace dun corazón enfurecido, que se eriza como un gato ao sentirse ameazado, nunha mestura explosiva de escuridade e forza”, expón a formación, quen apunta que o retrouso de "Corazón alionado" nace dunha melodía tradicional da Terra de Miranda e cuxas letras se inspiran en coplas tradicionais de diferentes puntos do país.

 De Ninghures

 De Ninghures fan música cos pés na terra e os brazos abertos. Son unha das bandas referentes da potente e rica escena actual en Galicia. Un grupo que mestura mestría musical e actitude desenfadada, que sorprende en cada canción coas súas diferentes voces e a súa actualización das coplas e melodías populares, e que nos fai tanto bailar como emocionarnos coa súa particular fusión da música tradicional galega con ritmos e inspiracións doutras culturas como a latinoamericana ou a magrebí.

 En 2022 publicaron "Aquí", o seu primeiro álbum, e máis de medio cento de concertos e algúns sinxelos despois - coma o exitoso "Morena", galardoado como Mellor Música do Ano en Galicia nos Premios Ari(t)mar, ou a enérxica muiñeira de montaña "Poço-", a comezos de 2025 presentarán traballo novo, do que nos adiantan xa "Corazón alionado".