The Rapants lanza La máquina del buen rollo, “un saltón musical que prende as luces
para bailar sen parar”.
O LP, ateigado de chiscadelas á vida cotiá muradá, consta de nove temas nos que a banda transita entre numerosos estilos, como o rap, o rock, o country ou a música disco, mais sen perder “a esencia rapante”.
18/03/2024 Diego Añon 
       
         
		   
		   La máquina del buen rollo xa está en marcha. The Rapants vén de
publicar o seu terceiro LP, un retrato fiel ao espírito da banda, ateigado de chiscadelas á vida muradá
e que convida, desde o primeiro e até o noveno tema, a bailar sen pausa. Ao cabo, esa é a esencia
‘rapante’: diversión, carácter, talento e conexión co público nos seus directos.
Rock, rap ou country son algúns dos estilos polos que transita La máquina del buen rollo, un
traballo que os rapantes gravaron o pasado outono nos estudios de Paco Loco, quen axudou á
banda a ultimar os detalles dun disco no que cada tema “ten entidade propia”. Desde os sintes de
Meu cariño, até as guitarras distorsionadas de Tuenti, pasando polas reminiscencias disco de Blaster W4u ou as referencias vintage de Novio Imaginario, cada corte é un mundo en si mesmo, mais todos son parte dun mecanismo que fai que o álbum reproduza os directos de The Rapants.
“Este disco é como as festas de San Pedro de Muros e cada tema é unha atracción”, sinala a banda,
que exemplifica no saltón a natureza deste LP: a atracción que, alén de ser a portada do traballo, é o
epicentro dos festexos, un aparello que, co seu ímpeto, transforma e dinamiza, durante unhas horas,
a vida cotiá. La máquina del buen rollo é un álbum “cañeiro e cheo de carácter” no que The Rapants contrapón letras tristes e escuras (nas que contaron coa colaboración de Sara Faro, de Fillas de Cassandra, para Rue Franklin, e Nuno Pico, de Grande Amore, en Cando Pensa en Min) con ritmos
e melodías animadas, feitas para bailar. “É un fiel retrato do que somos nós e da música que
facemos, con todo o que nos identificamos, con todas as influencias e, especialmente, do que somos
e de onde vimos”, expón o grupo. Neste sentido, a vida muradá está moi presente no álbum. Desde a
gravación do videoclip de Blaster W4u no porto, até a praia de Louro, protagonista de Chusma
Riders, o álbum destila Muros en cada nota, en cada silencio.
“Este é o disco que sempre quixemos facer”, aseveran Matías, Samu, Xanma e Xaquín, ao definir La
máquina del buen rollo “coma unha aprendizaxe colectiva”, da que salientan a evolución do seu son.
Ao fío, recoñecen o labor minucioso de Paco Loco á hora de axudalos a localizar e plasmar “eses
sons e arranxos que, ás veces, tiñamos na mente e que grazas á sús experiencia foi posible”. “Paco
Loco é unha eminencia no eido da produción musical e deu coa agulla de marear á hora de sacar o
mellor de nós como músicos. Todo o que aprendimos e vivimos con el nunca o esqueceremos”, din.
La máquina del buen rollo, o terceiro LP de The Rapants, está desde hoxe dispoñible nas principais plataformas dixitais. Físicamente poderase adquirir nas festas de presentación do grupo (23 e 24 de
marzo na Sala Capitol), cuxas entradas se esgotaron en cuestión de minutos. Alén das citas
compostelás, a banda suma novas prazas nesta xira: Carnota (Víndemo Ver) e Madrid (Último
Acorde x Johnnie Walker, evento que terá lugar en La Sala do WiZink Center) e, a partir de maio,
participará en festivais como Ourensound, Portamérica, Surfing The Lérez, SonRias Baixas ou
Osa do Mar, entre outros.
The Rapants é talento, actitude e diversión. Nada en Muros no 2018, a banda surfea entre o pop, o
garage e o disco cun directo “sen pausa”, coa intención de facer bailar ao público. 2023 foi o ano de
eclosión de The Rapants. Un total de 38 concertos polas principais salas e festivais do noroeste
peninsular demostraron, sen dúbida, que é unha das formacións máis destacadas do panorama
musical do momento e que a súa conexión co público é imparable.
Logo de publicar os LP Cariña de Raposo (2019) e O corasón como un after (2023), e de esgotar en
tempo récord o pasado mes de febreiro as entradas para os dous concertos na Sala Capitol de
presentación do seu terceiro LP, La máquina del buen rollo, hoxe publican un disco ao servizo do
baile, da diversión e, como o seu nome indica, do bo rollo.
Tracklist ‘La máquina del buen rollo’
1. Meu Cariño
2. Tuenti
3. Blaster W4u
4. A Lus
5. Rue Franklin
6. Chusma Riders
7. Novio Imaginario
8. Country Asesino
9. Cando Pensa En Min
Autoría e produción: The Rapants.
Gravado e misturado en Paco Loco Recording Studios (Puerto de Santa María, Cádiz) en outubro de
2023.