Sinsal Primavera celebrarase en abril e maio e contará coa participación de Deafkids, Kristin Hersh e Julius Gabriel.
05/03/2024 Diego Añon
Regresa o Sinsal Catro Estacións. Desta quenda, de novo, na primavera.
Sinsal Primavera, o evento especializado en música de vangarda, cuxo comisariado recae na
promotora viguesa Sinsalaudio -responsable do festival Sinsal SON Estrella Galicia-, terá lugar nos
meses de abril e maio. A cita contará cunha tríade de iniciativas musicais fiadas pola diversidade
estilística e da orixe das artistas. Deafkids, Kristin Hersh e Julius Gabriel conformarán o cartel do
Sinsal Primavera 2024, un preámbulo do que o público poderá escoitar, no mes de xullo, na illa de San
Simón, mais sen ter que coller o barco. As entradas dos concertos están desde hoxe á venda a través
de www.enterticket.es.
Os días 5 e 19 de abril, e 9 de maio, a cidade olívica acollerá unha nova edición do Sinsal
Primavera. O evento, que conta coa colaboración principal do Concello de Vigo, pretende visualizar
propostas singulares e únicas, de difícil clasificación e, por tanto, pouco habituais no circuíto de
programación dirixida ao público xeral. Como parte do compromiso de Sinsalaudio coa promoción da
igualdade, e co fomento da diversidade estilística -clave na súa aposta en San Simón- o público do
Sinsal Primavera 2024 poderá gozar dun cartel conformado, nesta ocasión, por bandas e solistas
procedentes de Brasil, Estados Unidos e Alemania e que actuarán por vez primeira en Galicia.
Sinsal Primavera 2024 desenvolverase nun dos espazos de referencia do universo da investigación,
creación, innovación e produción contemporánea no ámbito local, comarcal e galego, o Museo de Arte
Contemporánea de Vigo (MARCO). Ademais, por segundo ano consecutivo, o evento estenderase a
unha das salas de concertos máis relevantes da cidade, a Radar. O seu escenario acollerá, o 5 de
abril, o primeiro dos directos, que chegará da man de Deafkids, banda brasileira cuxa sonoridade
transita entre o rock industrial, a psicodelia, o noise, o hardcore ou mesmo a música africana, entre
outros moitos. Para Deakfids, todos os xéneros son benvidos para avanzar coa “desprogramación
sónica” da mente.
A seguinte cita será o venres 19 de abril no MARCO. Unha das figuras máis salientables da escena
alternativa estadounidense desde os anos oitenta chegará a Vigo para presentar o seu último álbum,
Clear Pond Road. A cantante e prolífica compositora Kristin Hersh actuará en acústico no museo,
dando conta da súa voz única e do seu talento, xa coñecido desde o seu paso por bandas como
Throwing Muses ou 50FootWave.
O concerto que pechará a tríade de directos virá da man do berlinés Julius Gabriel, saxofonista que
explora os límites e as complexidades deste instrumento. A súa base musical -labrada en escolas de
música públicas, clubes underground e universidades- está fondamente arraigada na improvisación,
para a que parte dun amplo espectro ecléctico de xéneros musicais. A actuación no MARCO do xoves
9 de maio será a súa estrea en Galicia.
De cara á favorecer o coñecemento e a expansión da creación contemporánea, Sinsalaudio colaborará tanto co Conservatorio Superior coma co Conservatorio Profesional de Vigo,
facilitando que o alumnado dos centros educativos poida asistir aos concertos do Sinsal Primavera cun
desconto do 50%.
PROGRAMACIÓN SINSAL PRIMAVERA 2024
5 de abril, 21.30 horas na Sala Radar | Deafkids (Brasil)
19 de abril, 20.30 horas no MARCO | Kristin Hersh (Estados Unidos)
9 de maio, 20.30 horas no MARCO | Julius Gabriel (Alemania)
Este sitio web utiliza cookies para mejorar la experiencia del usuario y proporcionar servicios personalizados. Al continuar navegando por este sitio, aceptas el uso de cookies de acuerdo con nuestra política de cookies.