Un álbum luminoso cheo de ritmos bailables no que os ventos e as percusións latinas son sinal de identidade.
18/03/2024 Diego Añon
Anxo Araújo estrea ‘Aprender a bailar’, o seu esperado segundo disco. Logo de tres
sinxelos de adianto chega ás plataformas dixitais, e tamén en formato CD e vinilo, un
álbum de nove temas onde os ritmos bailables, as percusións latinas, os ventos e os
sintetizadores marcan a paisaxe sonora. ‘Aprender a bailar’ é un disco que “disipa
tormentas” e que convida a celebrar a vida e a vivir o presente.
Tres anos despois de ‘Plan de urbanismo para un novo couto mixto’ (Unha casa calquera
- Ultramarinos), Anxo Araújo presenta un álbum de pop melódico que conserva as
reminiscencias folk e da música tradicional galega do primeiro traballo. “O proceso
creativo do anterior disco coincidiu nunha etapa persoal na que saín dun burato para
atopar un novo mundo” di o músico pontevedrés. “Agora sigo nese novo lugar, estou ben
e contento de estalo. E desde aquí fixen a escolla dos arranxos e da produción do disco.
Así que a proposta final non foi intencionada senón o punto de chegada dun proceso que
me foi levando”. Desde a súa alegría cotiá, Anxo Araújo convídanos a deixarnos levar e a
expandir os sentidos cun disco que desde a intimidade mira ao colectivo.
‘Aprender a bailar’ foi gravado entre Unha Casa Calquera (Poio), Garaxeland
(Compostela) e Terraforma (O Hío); mesturado por Anxo Araújo e Ibán Pérez; e
masterizado por Victor Garcia en Ultramarinos (Catalunya). Anxo Araújo gravou as voces,
as guitarras, os teclados, os baixos e os sintetizadores e no estudo de gravación contou
cos músicos Faus Camaño (batería e percusións), Borja López (ventos) e Julio Visi (percusións latinas), así como con outras colaboracións.
A xira de presentación do disco empezará en Compostela, na Sala Sónar, o 19 de abril. E
a esa primeira data seguiranlle a Krazzy Kray de Cambados o 27 de abril; a Sala Mardi
Gras da Coruña o 30 de abril e o Club Clavicémbalo de Lugo o 1 de xuño. Nestes
concertos, Anxo Araújo á voz e guitarra acompañarase de Jose Visi aos teclados e á
guitarra eléctrica, de Borja López ao trombón e sintetizador, de Julio Visi ás percusión e de Faus Camaño á batería.
Desde a semán pasada, o disco pode mercarse na páxina web anxoaraujo.com e escoitarse
nas principais plataformas dixitais.
Anxo Araújo leva máis de vinte anos na escena musical galega como músico en
numerosas bandas. O seu debut discográfico en 2021 levouno a formar parte de citas da programación musical galega como o Ciclo Xullo Pop, Atardeceres do Gaiás, as festas do Apóstolo en Compostela ou festival Surfing the Lérez, entre outros. Con ‘Plan de
urbanismo para un novo couto mixto’ foi nomeado aos Premios Martín Codax da Música
galega e foi un dos artistas seleccionados para formar parte da Feira de Música do Miño
MUMI 2023.
Datos técnicos de ‘Aprender a bailar’
Gravado entre Unha Casa Calquera (Poio), Garaxeland (Compostela) e Terraforma (O Hío).
Mesturado por Anxo Araújo agás 'Por que tivemos que discutir?" e 'O bambán', mesturados por Ibán Pérez.
Técnicos de estudio: Edu Vidal e Ibán Pérez.
Masterizado por Victor Garcia en Ultramarinos (Catalunya).
Faus Camaño: Baterías en 1, 2, 3, 4, 5, 6, 7 e 9 e percusións en 5 e 8.
Julio Visi: Percusións en 1, 2, 3, 4, 7 e 9.
Borja López: Ventos en 3, 4 e 9.
Ibán Pérez: Ventos en 5 e batería en 8.
Xacobe Lamas: Violíns en 5 e 6.
Helena Capera: Pandeireta en 3.
Daniel Santos: Palmas en 5 e coros en 8.
Anxo Araújo: Voces, guitarras, teclados, baixos e sintetizadores.
Este sitio web utiliza cookies para mejorar la experiencia del usuario y proporcionar servicios personalizados. Al continuar navegando por este sitio, aceptas el uso de cookies de acuerdo con nuestra política de cookies.