Xa está dispoñible "d’ESCARNIO", o novo sinxelo de Fillas de Cassandra.

A creación electrónica do dúo vigués é un canto que se sitúa “entre a sátira e a introspección”, e que pretende dar conta “do proceso que supón deixar atrás a furia e os dixomedíxomes”
15/07/2024 Diego Añon

Fillas de Cassandra publicou este venres, 12 de xullo, o seu novo sinxelo, nomeado "d’Escarnio". A peza, que se poderá escoitar a partir das 00.00 horas de mañá nas principais plataformas dixitais, “é un ritual para desfacerse da ira”.

 Tal e como explican María SOA e Sara Faro, a súa nova creación, en cuxa produción tamén participan Mumbai Moon e Greta Ch’aska, “é unha sorte de cantiga actualizada que se situa entre a queixa satírica e un exercición de autocrítica e introspeccion”. “d’ESCARNIO quere dar conta do proceso longo e complexo que supon abandonar a furia e os dixomedíxomes ata acadar un canto liberador; e que esixe reconecer e nomear o dano para deixalo ir”, din.

A sutileza das melodías acústicas, a agresividade dos recursos do xénero industrial e as texturas etéreas que se dilúen entre os ritmos máis tribais, vencellados á raíz, ofrecen, como resultado, un tema de corte electrónico e compacto no que a ira se revela como un espazo de forza, mais tamén de vulnerabilidade.

"d’ESCARNIO", o novo tema de Fillas de Cassandra, é unha das novidades que se pode escoitar nos directos da xira "Últimas Dionisíacas", na que Sara Faro e María SOA revisitan os temas do seu disco "Acrópole" desde unha perspectiva máis electrónica e escura. Logo de visitar Marrocos e actuar o pasado sábado canda Ed Sheeran ou Bomba Estéreo no Gozo Festival, as artistas viguesas continuarán o seu periplo peninsular e formarán parte do cartel de citas de referencia, como é caso do Festival de Ortigueira, El Tingladu, Festival de la Luz ou Revenidas, entre outras moitas. 

 Alén da estrea este venres 12 do sinxelo "d’ESCARNIO", a música de Fillas de Cassandra, está de actualidade nas plataformas audiovisuais. Se hai uns días "II. LISÍSTRATA (varre vasoira)" superaba o millón de reproducións en Spotify, ao éxito súmase tamén a difusión de "canta miña sombra (negra sombra)", por ser unha das pezas quese inclúen na banda sonora de Clanes, a serie de Netflix que está acadar os primeiros postos en número de visualizacións en distintos países do mundo.

Vindeiras datas confirmadas das "Últimas Dionisíacas"

• 25 de xullo. O Rosal.
• 27 de xullo. Vilanova i la Geltrú. El Tingladu.
• 2 de agosto. Bueu. SonRías Baixas.
• 3 de agosto. Catoira. Festa Vikinga.
• 17 de agosto. Pontevedra. Festas da Peregrina.
• 19 de agosto. Pobra do Caramiñal.
• 21 de agosto. Ferrol. Festas San Roque.
• 23 ao 24 de agosto. Boimorto. Festival de la Luz.
• 30 de agosto. Pantón. 13 Roeis Fest.
• 30 de agosto ao 1 de setembro. Ponteceso. Festiletras.
• 13 de setembro. Vilaxoán. Festival Revenidas.