Boyanka Kostova revive a festa galega dos 2000 con ‘ItaloFeira’

O avance do próximo disco dos rapeiros aspira a converterse nun dos mariores hits da súa carreira.

01/02/2024 Diego Añon 
A primeira vez que se escoitou unha canción italotechno en Galicia foi, probablemente, en Santa Comba. Vinte anos despois, Boyanka Kostova recupera este xénero clásico da festa moderna galega con ItaloFeira. O segundo adianto do seu próximo disco mantén a esencia enerxética e potente que pechaba as discotecas máis frecuentadas da zona. O tema promete converterse nun dos seus grandes hits e sumarse ás cancións imprescindibles do dúo, como Muinheira de Interior e Colacao. Isto comprobouno o público dos seus últimos concertos, nos que o tema xa se escoitou en exclusiva.



ItaloFeira bebe dunha estética moi concreta e inconfundible: os coches de rally tuneados, os piercings nas cellas, o pelo pincho ou cardado e, por suposto, que non falten os aros quilométricos. A banda sonora desta era foi determinada por apreciados temas como Privilegio Raro de Gabry Ponte, L’Amour Toujours de Gigi D’Agostino e Blue (Da Ba Dee) de Eiffel 65. Estes himnos inspiraron a O Chicho do Funk (Ortiga) e a Cibrán García para compoñer o novo sinxelo, que serve como máquina do tempo a esas pistas de baile.
O tema mestura ritmos máis technos e unha cultura moi galega, con referencias a coñecidas salas como a Tonos de Boiro ou as festas do Apóstolo. A isto súmanselle os “ailalelos”, un retrouso moi tradicional que se transforma e combina co puro estilo italotechno. “Para cantar veño eu, para a música meu irmán” é outro exemplo de como Boyanka Kostova é capaz de fusionar xéneros aparentemente opostos. Demostra, á súa vez, a versatilidade da lírica tradicional galega.



Esta homenaxe á festa de salas como a Tonos, a Dona Dana ou a Tubos é palpable na letra, pero o videoclip non queda atrás. Entre rodas, motores, cadeas e chándales está presente a Sala Karma. O local, referente da noite pontevedresa, anunciou o pasado decembro o seu peche indefinido. A gravación do videoclip, dirixido por Alvite Peillet, é un dos últimos acontecementos que acolleu a histórica sala.
O dúo de rapeiros galegos daba a coñecer en decembro o primeiro adianto do seu próximo disco, Fóra da Lei, un corrido tumbado xunto con Conjunto Amistá. Co novo lanzamento de ItaloFeira seguen a ofrecer pinceladas dun álbum que mestura xéneros moi variados ao tempo que se inspira na cultura propia. Será o vindeiro 20 de abril cando Boyanka Kostova presente o seu sexto disco nun concerto na Sala Capitol (Santiago de Compostela). As entradas para o evento xa están dispoñibles