Últimas entradas á venda para o festival A Candeloria, en Lugo, con grupos como ZOO, Los Chikos del Maíz ou Mafalda.

07/02/2024 Diego Añon
O festival lucense A Candeloria está preto de facer “sold out” no seu décimo aniversario. A organización sinala que quedan poucas entradas para ver a grupos como ZOO, Los Chikos del Maíz, Rebeliom do Inframundo ou Familia Caamagno os próximos días 1 e 2 de marzo no Pazo de Ferias en Congresos de Lugo. Tamén seguen á venda os billetes de autobús para viaxar ao festival dende A Coruña, Santiago de Compostela e Vigo.
O festival naceu en 2014 coa vontade de traer a Lugo unha programación musical de rock, rap, punk ou ska de primeiro nivel. Neste tempo consolidouse como un evento de referencia para os amantes do xénero.
Nesta edición, A Candeloria trae dúas noites de música e unha sesión vermú de Cantos de Taberna. Un dos pratos fortes da edición e a despedida do grupo valenciano ZOO, que tocará o día 1 de marzo, na “Festa X aniversario”. O seu paso por A Candeloria será a única parada en Galicia dunha banda que dende 2014 revolucionou a escena musical estatal. Os fans dos tamén valencianos Mafalda terán a oportunidade de velos o sábado. E non será a única despedida, o grupo Los Chikos del Maíz, vellos coñecidos do festival, anunciou recentemente unha “tregua indefinida” dende o próximo ano.
Completan o cartel do venres 1 de marzo Rebeliom do Inframundo, os galegos Familia Caamagno, Pigs Parlament, o grupo de rap Ira, Kamikazes e Jordi Pánico. O sábado 2 de marzo pasarán polo palco, xunto a Chikos del Maíz e Mafalda, os xa parte da familia do festival Soziedad Alcoholika, a banda de ska punk italiana Talco, o dúo feminino Tribade e Arrhythmia. Tamén pasarán pola festa Me Fritos and The Gimme Cheetos e La Duendeneta.
O SÁBADO A MÚSICA TRASLÁDASE AOS BARES COS “CANTOS DE TABERNA
A Candeloria completa a súa programación cos xa tradicionais Cantos de Taberna. Ata nove agrupacións pasarán por distintas tabernas da cidade lucense para animar o mediodía do sábado. As inscricións para participar seguen abertas no mail cantosdetabernacandeloria@gmail.com ata o 21 de febreiro.
O festival realízase co patrocinio da Área de Cultura, Turismo e promoción da Lingua do Concello de Lugo e a Área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo, Mahou e Contravento.