The Rapants lanza este xoves 25 Blaster W4u, o primeiro avance do seu novo LP, La máquina del buen rollo.

O tema, que estará dispoñible a partir das 00.00 deste xoves nas principais plataformas dixitais, acompañarase dun videoclip cuxa preestrea terá lugar ás 22.00 horas de mañá, mércores 24, na canle de Youtube do grupo.
23/01/2024 Diego Añon
A banda The Rapants comeza 2024 coa publicación de "Blaster W4u", o primeiro sinxelo do que será o seu terceiro álbum de estudio, "La máquina del buen rollo", e que verá a luz na primavera. O novo tema, que se poderá escoitar a partir das 00.00 horas do xoves 25 nas principais plataformas dixitais, é un avance das creacións que o grupo muradano levará este ano, nos seus divertidos e talentosos directos, aos escenarios das salas de concertos de toda España e de citas como Portamérica, Osa do Mar, OurenSound Fest ou EmigraSON.
"Blaster W4u" acompáñase dun multitudinario videoclip protagonizado polos catro membros do grupo, Matías, Samuel, Xanma e Xaquín, ademais da bailarina Iria Veiga. A peza audiovisual, producida por La Bellavista e dirixida por Juan Barbazán e Whyso, rodouse o pasado mes de decembro en distintas localizacións da vila natal do cuarteto, Muros, como o seu porto, logo dunha convocatoria á que asistiron máis de 400 persoas. A estrea do vídeo, na que simulan a cerimonia de despedida dun mariñeiro, producirase mañá, mércores 24, a partir das 22.00 horas, na canle oficial de The Rapants na plataforma Youtube.