PAVA publica ‘O himno da lesión’, ´un tema en modo supervivencia´, e que supón un novo avance do terceiro EP da banda.

01/12/2024 Diego Añon

A banda PAVA, liderada pola poeta e compositora coruñesa Lucía Aldao, publica o seu novo sinxelo, titulado "O himno da lesión". Trátase do novo avance do que será o terceiro álbum do grupo, gañador do último Premio Martín Códax na categoría Pop e Indie, un EP que verá a luz no vindeiro mes de decembro.

 "O himno da lesión", cunha portada asinada polo artista local Antón López Bazarra, é un tema “en modo supervivencia”. Tal e como expón Lucía Aldao, “se as cancións puidesen ir a terapia, a psicóloga a esta diríalle: fixeches un esforzo moi grande por manterte alegre e con certa coña a pesar de todas as tristezas que estás enumerando”.

 Así, "O himno da lesión", un xogo de palabras gracioso e revelador a un tempo, é unha canción “que non se pode deixar caer porque sairía un tema horroroso e terrible, así que nin tan mal, pero a procesión vai por dentro, ou sexa por detrás da canción”, segundo explica a cantante e guitarrista Lucía Aldao.

 Este sinxelo é o segundo avance do novo EP dunha formación -cuarteto conformado pola propia Aldao, Analís Guillín na batería, David Santos no baixo e Pablo Silva na guitarra- que, mantendo a tradición, titulará como "PAVA 3" este terceiro traballo que se poderá escoitar no mes de decembro e do que xa se coñece o tema "Catastro".