Xa é posible escoitar Pava 3, o terceiro EP de PAVA.

No novo traballo discográfico da formación seguen a estar presentes as liñas mestras dos EPs previos.

20/12/2024 Diego Añon

Xa é posible escoitar Pava 3, o terceiro EP de PAVA, a banda liderada pola poeta e compositora coruñesa Lucía Aldao. "Pava 3", un exercicio de pop luminoso, está dispoñible nas principais plataformas dixitais e é posible adquirilo a través do Bandcamp de PAVA. O lanzamento coincide coa estrea do videoclip realizado por Antón & Martiño para o tema "Unha cadela chamada ‘Por Favor’", unha balada con ritmo envolvente na que destaca a colaboración de Gloria Pavía.

 No novo traballo discográfico da formación seguen a estar presentes as liñas mestras dos EPs previos: letras coidadas e melodías exquisitas atravesadas por cuestións de xénero, identidade sexual, idade e lingua. PAVA é agora máis poliédrica, unha banda onde Lucía Aldao exerce de frontwoman, e iso reflíctese tamén na súa música, máis sólida e sofisticada.

 "Pava 3" está composto por cinco temas sendo o primeiro deles "Catastro", unha peza enérxica onde a guitarra convida a cantar, bailar e buscar, entre versos e apps, algo de paz. Ou algo tan sinxelo e esquivo como sentirse ben.

 O segundo, "O himno da lesión", é unha canción en modo supervivencia, unha oda á capacidade de seguir en pé con humor malia todas as tristezas. Podería ser un tema terrible pero a procesión vai por dentro —ou neste caso, por detrás da canción— e a ringleira de dores muta nun retrouso que é un berro. O himno da lesión puido ser un laído pero é un tema definitivamente animoso, con chiscadela verbal incluída.

 Segue a continuación "Tremendamente coquetas", que se podería describir tamén como un himno pero desta volta para un planazo o un festón de benvida para todas aquelas que desexen unirse o selecto club da letra Q. Un chamamento alegre ás lesbianas e bisexuais debutantes.

 O cuarto tema é o xa mencionado "Unha cadela chamada ‘Por Favor’" e o peche deste álbum chega con "Catastriño", unha versión case espida do tema "Catastro" gravada –literalmente- nunha adega baixo terra e achegándose ao xeito íntimo de compoñer de Lucía Aldao: guitarra e voz.

 5 de xaneiro: Noite de Raíñas Pavas

 O concerto de presentación de "Pava 3" terá lugar na Mardi Gras o domingo 5 de xaneiro. A partir das 22.00 horas, a mítica sala de concertos coruñesa acollerá unha “Noite de Raíñas Pavas” alternativa, disidente pero non por iso menos máxica, á marcada polo calendario.

 Ademais, "Pava 3" acompañarase un merchandising moi especial: unha edición de 200 carpetas que incluirán un código de descarga dos temas do EP, as letras impresas en follas recendentes e un póster despregable coa portada de "Pava 3", na que Lucía Aldao é protagonista. A elección destes obxectos non é casual e operan como unha metáfora das carpetas que non se forraron e mais os pósters que non se colgaron en tantas adolescencias noventeras.

 PAVA é unha banda de pop liderada por Lucía Aldao, que conta con Analís na batería, David Santos no baixo e Pablo Silva na guitarra. A poeta e compositora coruñesa é a responsable das melodías e letras dos temas mais o traballo dos arranxos é un labor de equipo ao que se suma Julián Goicoa, tamén produtor da banda. Ao fronte da masterización atópase Álvaro Gallego.

 PAVA é o resultado da evolución de "Pava" (2021), o primeiro EP de Lucía Aldao, e de "Pava 2" (2022), unha segunda incursión que puxo de manifesto a necesidade dunha banda para consolidar o proxecto e ocupar un espazo baleiro no pop galego e en galego. Da boa acollida da proposta dan fe o segundo premio NARF no 2023 e mais o Premio Martín Códax na categoría de pop e indie no 2024. Este mes de decembro PAVA lanza o seu terceiro EP, "Pava 3".