Rebeliom do Inframundo e Fillas de Cassandra crean unha sobrecolledora oda á superación en "Contra vento e marea".
30/04/2024 Diego Añon
Rebeliom do Inframundo e Fillas de Cassandra veñen de asinar a súa primeira colaboración, "Contra vento e marea". O tema, preséntase como un arrebatador, cómplice e fascinante xogo de contrastes entre dúas formacións esenciais na actual escena da música galega. O sinxelo demostra que a confluencia entre as dúas bandas que agromaron en Vigo é natural, enriquecedora e proveitosa para a música do país.
"Contra vento e marea", explica Nervo, é “unha oda á superación, a remar contracorrente, a manterse a flote, a sobrevivir no medio desta puta loucura”. É un canto a non deixarse levar pola ira, mesmo sendo conscientes que hai razóns dabondo para que a ira aflore. “É unha canción chea de orgullo, forza e valor, evocadora de todo tipo de sentimentos precisos para vencer á frustración», expón. Ao fío, María SOA e Sara Faro salientan “a forza e a colectividade” que se desprende da peza. “Como di o tema, somos rochas contra as que bate o mar. Contra todos os contratempos que poidan vir, ímonos manter firmes e mirar cara adiante”, apuntan.
Nesta primeira colaboración, Rebeliom achégase a un rexistro poético conmovedor e descarnado, cunha colosal carga emotiva, mais sen deixar, en ningún momento, a súa esencia combativa. "Som o som das ondas à beira do mare, o latejo, a espuma branca, o nosso lare, a costa e dureza. Puto, nom todo vale. Ilhas Atlânticas freando tempestade", rapea Nervo sobre os beats de 2Pasøs e Frank Huxley. Pola súa banda, Fillas de Cassandra expoñen, dun xeito vehemente e apaixonado, a fortaleza que reside nelas. "Nas augas do inframundo fazemos o nosso mare", cantan María SOA e Sara Faro nos primeiros compases do tema.
CREACIÓN COLECTIVA
A idea da colaboración entre Rebeliom do Inframundo e Fillas de Cassandra xurdiu hai un ano, nun encontro entre uns e outras. “Foi a primeira colaboración que nos ofreceron e, desde o inicio, cadramos xenial, xa que ambas formacións sentimos admiración pola outra”, contan María e Sara.
A construción foi colectiva. “Nós tiñamos unha melodía gardada con cariño e soubemos que ese era o momento de compartila. Esa melodía foi inspiradora para todas, comezamos a construír o tema todas á vez”, explican Fillas de Cassandra.
“As Fillas tiñan a súa parte, eu compuxen a letra que canto e Malvares o poema que soa ao remate. A partir de aí foi chegar ao estudio e xurdiu todo dun xeito supernatural. Fixémolo xa todo. A seguinte vez que nos xuntamos foi para gravar o videoclip”, lembra Nervo.
O resultado, "Contra vento e marea", é pura harmonía e fusiona, dalgún xeito, dúas propostas que, lonxe de manifestarse antagónicas, se amosan en feliz comunión. Rebeliom e Fillas non suman, multiplican. Multiplicánse as emocións, o caracter evocador. Multiplican a súa potencia pero tamén a súa sensibilidade. Son as filhas do sol e os piratas con ron dos que fala a letra da canción. Vento em popa a toda vela e com decisom.
EMOCIONANTE VIDEOCLIP
A canción chega acompañada dun emotivo e sobrecolledor videoclip realizado por IzanMG, gravado no litoral de Vigo, e que se pode ver eiquí. A peza audiovisual, na que participan as dúas bandas, relata a historia dunha traxedia no mar mesturada coa idea de superación fronte as adversidades e de situar o amor, a amizade e a solidariedade por enriba de calquera outro valor.
FILLAS DE CASSANDRA XIRA COAS ÚLTIMAS DIONISÍACAS María SOA e Sara Faro seguen a sumar novas datas na súa xira "Últimas Dionisíacas", na que revisan os temas do seu primeiro álbum, "Acrópole", desde un punto máis escuro e electrónico, así como novas creacións ou mesmo algúns dos sinxelos que foron publicando nos últimos meses. É o caso de pezas como "Tola", "Tataravoa", "Quen é a que canta?"" ou "ANGULEELE)". Nos últimos días, eventos como Festivala, Poborina Folk, Tradicionarius ou 13Roeis anunciaron a presenza do dúo nas súas novas edicións.
Estas son as vindeiras datas da xira Últimas Dionisíacas de Fillas de Cassandra.
5 de maio. Barcelona. Tradicionarius.
11 de maio. Ponferrada. Sala H
24 de maio. Ourense. OurenSound Fest.
25 de maio. Muras. VIII Romaxe artesá da Chaira.
1 de xuño. Madrid. Sala El Sol.
8 de xuño. Vilagarcía de Arousa. Festivala.
21 de xuño. Teruel. Poborina Folk.
22 de xuño. Oviedo. VESU Festival.
6 de xullo. Santiago de Compostela. Gozo Fest.
11 ao 14 de xullo. Ortigueira. Festival de Ortigueira
25 ao 27 de xullo. Vilanova i la Geltrú. El Tingladu.
2 de agosto. Bueu. SonRías Baixas.
23 ao 24 de agosto. Boimorto. Festival de la Luz.
30 de agosto. Pantón. 13 Roeis Fest.
12 ao 14 de setembro. Vilaxoán. Festival Revenidas.
Este sitio web utiliza cookies para mejorar la experiencia del usuario y proporcionar servicios personalizados. Al continuar navegando por este sitio, aceptas el uso de cookies de acuerdo con nuestra política de cookies.