Guadi Galego pecha este sábado 13 no Teatro Principal de Pontevedra a tríade de concertos de presentación do seu directo Síntese Horizonte.

Síntese Horizonte é unha proposta expresamente concibida para teatros na que a creadora presenta, por primeira vez en Galicia, o seu álbum Roibén, ademais de revisitar temas de anteriores traballos discográficos.

11/04/2024 Diego Añon
Guadi Galego vistará este sábado 13 de abril Pontevedra para por o punto e final á xira de presentación do seu novo directo, "Síntese Horizonte". A cita será no Teatro Principal, a partir das 20.00 horas, no marco do ciclo Resoan do Concello de Pontevedra, e para dita ocasión non quedan entradas dispoñibles. 
Logo de actuar o pasado mes de xaneiro no Teatro Principal de Compostela e no Teatro Jofre de Ferrol, a cantante e compositora pechará esta fin de semana na localidade pontevedresa a tríade de concertos de presentación en Galicia do seu último LP, "Roibén", nunha noite na que tamén soarán cancións de anteriores discos ou mesmo o seu sinxelo "O.D.A." Guadi Galego subirase este sábado se de novo ás táboas para sorprender ao público cunha proposta exclusiva que pretende ofrecer unha experiencia musical única e transformadora.
Sobre o escenario, Guadi Galego acompañarase dunha banda conformada por grandes artistas do país. É o caso de Guillerme Fernández (guitarra acústica eléctrica e sintetizada), Rubén Iglesias (baixo e sintetizadores), Isaac Palacín (batería e percursión), Álex Fernández (teclados). Completan a formación, como vocalistas e pezas chave do directo, Paula Romero, Faia Díaz, Inés Salvado e Rocío Jiménez. Ademais, a nova produción de Guadi Galego en colaboración con Culturactiva destaca tanto pola súa coidada iluminación (baixo a dirección e o deseño de Laura Iturralde e José Faro, de NONONON.LAB) como pola súa posta en escena (de Marina Oural e Ugía Pedreira -Oficina Galega de Outros Asuntos do Movemento), froito do traballo en común que as artistas desenvolveron coa creadora de Cedeira.

GUADI GALEGO
É unha das artistas máis relevantes da escena musical galega das últimas décadas. A súa andaina musical comezou sendo ela moi nova, un camiño fíado especialmente a Berrogüeto como vocalista, pianista e gaiteira, e que, co tempo, deu paso a outros proxectos máis persoais, como Espido ou Nordestin@s. No 2009 inicia a súa carreira en solitario con "Benzón". Logo chegarían os exitosos "Lúas de Outubro" e "Agosto" (con éxitos indiscutibles como "Chea de vida" ou "Matriarcas"), "O mundo está parado", "Inmersión", "Costuras" ou o máis recente "Roibén" (2022), LP que presentou en diferentes puntos da xeografía peninsular.
Logo dunha simbólica ausencia nos escenarios do país, Guadi Galego segue a atravesar etapas e dá paso a novos horizontes, sen esquecer que a vida existiu e persiste nela. Se no mes de setembro lanzaba o sinxelo "O.D.A", toda unha declaración de intencións sobre a madurez e aceptación da vida, e na que reivindica o dereito a seguir experimentando, no 2024 presenta "Síntese Horizonte", unha aposta da propia Guadi pola evolución do seu son, pois con cada disco, e con cada espectáculo, foi aprendendo a desaprender do establecido.