Fillas de Cassandra, De Ninghures e Berto actuarán o 19 de abril na Sala Rebullón, no evento gratuíto AGalega Fest
As tres bandas actuarán na serie de presentacións abertas que o ente público está a promover para dar a coñecer a súa nova plataforma dixital e cuxos convites poderanse retirar desde as 12.00 horas deste venres 5 en www.salarebullon.com
04/04/2024 Diego Añon
Fillas de Cassandra, De Ninghures e Berto actuarán o venres 19 de abril na Sala Rebullón. A cita, de acceso gratuíto previa retirada de convite, é parte de AGalega Fest, a serie de directos de presentación que a CRTVG está a ofrecer por distintas localidades do país á fin de dar a coñecer a súa nova plataforma de contidos dixitais, agalega.gal. As entradas para o evento, que comezará ás 21.00 horas e no que tamén participará Lontreira, estarán dispoñibles desde as 12.00 horas de mañá, venres 5, a través da páxina web do propio recinto, www.salarebullon.com.
O anuncio do concerto faise, precisamente, na que De Ninghures vén de obter o recoñecemento á Mellor Música do Ano en Galicia, polo seu tema Morena, nos Premios Ari(t)mar; galardón que o ano pasado Fillas de Casandra acadou grazas á peza II. Lisístratata (varre vasoira). Precisamente ambas formacións, presentes na Sala Rebullón o venres 19, viaxarán o día seguinte até a localidade portuguesa de de Braga para participar na Gala dos Premios Ari(t)mar. De Ninghures, conformada por músicos con notable experiencia procedentes de Bergantiños, Compostela e A Fonsagrada, vén de ser recoñecida publicamente por unha sinxelo que dá boa conta dun dos seus máis claros sinais de identidade: a unión orgánica entre a tradición galega e a música dance. Na Rebullón, ademais de Morena, o público poderá escoitar temas do seu disco Aquí, no que se pon en valor a calidade e a frescura dunha banda disposta a experimentar con influencias musicais de todo o mundo sen perder o seu obxectivo: por en valor a música de raíz e a creación contemporánea.
Pola súa banda, Fillas de Cassandra segue a xirar por todo o territorio peninsular co seu novo directo, Últimas Dionisíacas, estreado o pasado 16 de febreiro en Vigo, á vez que o dúo segue a sumar novos recoñecementos polo seu álbum debut Acrópole. Así, son finalistas tanto nos Premios MIN de la Música Independiente coma nos Premios de la Academia de la Música Española. Previamente, antes da súa actuación en Mos, María SOA e Sara Faro visitarán Euskadi, onde actuarán nas localidades de Donostia (no marco do ciclo Bizi ala Iraun) e Barakaldo (ZEID FEST).
Xunto con Fillas de Cassandra e De Ninghures, no cartel de AGalega Fest na Rebullón destaca a presenza do músico e compositor pontevedrés Berto quen, ademais, é produtor de Acrópole. O artista presentará ao vivo o seu último LP, Sinto, un álbum ateigado de himnos bailables e vitalistas nos que o creador transita entre a electrónica, o trap ou mesmo o synth pop; ademais de temas de anteriores traballos discográficos.
O ‘line up’ completarase coa banda Lontreira. Para máis información sobre este evento, pódese consultar tanto agalega.gal como salarebullon.com
Este sitio web utiliza cookies para mejorar la experiencia del usuario y proporcionar servicios personalizados. Al continuar navegando por este sitio, aceptas el uso de cookies de acuerdo con nuestra política de cookies.