Últimas entradas dispoñibles para o aniversario ‘Tremendos Anos 20’ de Dios Ke Te Crew, que vén de esgotar os abonos para a celebración completa
16/10/2023Diego Añon
A celebración por todo o alto do vinte aniversario sobre os escenario de Dios Ke Te Crew, a banda máis emblemática do hip hop galego, conta co apoio do público, quen xa esgotou os 400 abonos dispoñibles para gozar “da cerimonia litúrxica ao completo” destes Tremendos Anos 20.
O vindeiro 2 de decembro, DKTC celebrará en Santiago de Compostela unha xornada maratoniana de concertos e actuacións para festexar as súas dúas décadas de traxectoria. As últimas entradas dispoñibles dos TremendosAnos 20, e que dan acceso aos directos da Capitol (20€), pódense adquirir en www.diosketecrew.org ou www.enterticket.es.
Ademais, para culminar esta celebración, o público recibirá, como agasallo pola compra da súa entrada, un disco-fanzine de edición exclusiva, formado por 20 ilustracións de artistas gráficas e 20 remixes de hits de DKTC realizados por outros tantos produtores musicais. Un traballo portentoso que combina artes gráficas e musicais para festexar unha efeméride especial. FESTA TREMENDOS ANOS 20
A festa Tremendos Anos 20 preséntase, en palabras da propia banda, como unha ocasión “única” e “irrepetible” que, a modo de “exclusiva cerimonia litúrxica”, celebrará dúas décadas de vida a través dun “abraiante akelarre musical de amizades”. Así, artistas como Malandrómeda, Grande Amore, Boyanka Kostova, Leo iArremecághona, Santino, Vituco Neira (Ruxe-Ruxe) e Guillerme (Quempallou) compartirán escenario con DKTC na noite do 2 de decembro na Sala Capitol. Será unha data sinalada na historia do grupo, “porque Dios Ke Te Crew celebra como dios manda”, aseveran os seus membros.
Mais esta excelsa celebración ampliará o seu espazo de festexos e chegará a dúas salas da cidade, “porque unha soa sabía a pouco”, explica DKTC. Así, entre as 19.30 e as 00.00h, a actividade desenvolverase na Sala Capitol, mentres que, entre as 00.30 e as 05.00h, a festa acontecerá na Malatesta co concerto de Los Rastreadores (Ortiga & Grande Amore) e os showcases de Rebeliom do Inframundo, Saibran Yi yi, Ra Velenosa e Rico Suávez, ademais dos dj sets de Chicho Selector, Padre Murdock e Croma, ademais doutras sorpresas adicionais.
Este sitio web utiliza cookies para mejorar la experiencia del usuario. ¿Aceptas nuestras cookies?
AceptarRechazar