Encabezado de NoSoloEsRuido

A nova escena musical galega subirase un ano máis ao escenario do Atlantic Pride con De Ninghures, Coolnenas, Agoraphobia e máis.

O Atlantic Pride é un festival pioneiro, gratuíto e inclusivo nado na Coruña no ano 2019, destinado a reivindicar a liberdade afectiva, sexual e de identidade dende unha perspectiva lúdica e inclusiva.

14/03/2025 Redacción

 A nova escena musical galega subirase un ano máis ao escenario do Atlantic Pride, coa confirmación de De Ninghures, Coolnenas, Agoraphobia, Alana, LERIA, ELBA e Rivadulla, que súmanse ao ‘line up’ da 6ª edición do ‘Orgullo do Norte’, que se celebrará na Coruña do 6 ao 13 de xullo de 2025.

 O domingo 6 de xullo, as bandas encargadas de dar o pistoletazo de saída á nova edición do Atlantic Pride na Praza de Pontevedra serán De Ninghures e Coolnenas. De Ninghures é unha das formacións referentes da potente e rica escena actual en Galicia. Un grupo que mestura mestría musical e actitude desenfadada, que sorprende en cada canción coas súas diferentes voces e a súa actualización das coplas e melodías populares, e que nos fai tanto bailar como emocionarnos coa súa particular fusión da música tradicional galega con ritmos e inspiracións doutras culturas como a latinoamericana ou a magrebí. No Atlantic Pride, De Ninghures presentará ao vivo os temas do seu novo álbum, "Feira", que viu a luz o pasado mes de febreiro. Mentres, as Cool Nenas presentará a súa particular rave de debuxos animados que está a revolucionar o concepto de dj set alí por onde pasan. Nas súas sesións predominan os clásicos atemporais e moitos outros hits do momento, que elas acompañan con coreografías de enerxía pegañosa que contaxian rapidamente a todo o público, como, sen dúbida, amosarán este verán na Coruña.

 O luns 7 de xullo, a cantante e produtora santiaguesa ELBA fará a súa aparición no Atlantic Pride a golpe de sintetizadores, voces atmosféricas e elementos operísticos que dan vida á súa electrónica pop de vangarda. Xa o martes 8 de xullo, chegaralle a súa quenda a Agoraphobia e máis a Rivadulla. A banda de rock alternativo nada en Boiro regresou o pasado mes ás ondas con "Eyes Never Lie", o primeiro avance do seu novo álbum, que o público do Atlantic Pride poderá escoitar ao vivo no escenario da Praza de Pontevedra, como testemuña de toda a súa intensidade e as súas letras profundas, nun grito contido entre o medo e o desexo de Agoraphobia de arriscar de novo. O seu potente rock alternará sobre as táboas coas cancións sentimentais, pero cargadas de rabia existencial, de Rivadulla e a súa mestura do pop dos 2000, a música electrónica con toques indies e o trap, nun concepto que o propio artista define como “parkineo marika”.

 Pola súa banda, o mércores 9 de xullo, Alana amosará a súa música tradicional galega con ritmos de base electrónica e pop, nun proxecto novo, diverso e cunha potente posta en escena, vinculada coas raíces e o baile. Finalmente, esa mesma noite, LERIA fará gala sobre o escenario do Atlantic Pride da súa celebrada música indie na nosa lingua, cun directo sólido, enérxico, intenso e divertido a partes iguais, onde o público pode tanto desfrutar dos seus temas máis íntimos como festexar con aqueles máis bailables.

 Coñecido como o ‘Orgullo do Norte’, o Atlantic Pride celebrará a súa 6ª edición na Coruña do 6 ao 13 de xullo de 2025. Trátase dun festival pioneiro, gratuíto e inclusivo nacido na cidade herculina no ano 2019, destinado a reivindicar a liberdade afectiva, sexual e de identidade dende unha perspectiva lúdica e inclusiva.

 A cita, que na súa pasada edición reuniu a máis de 25.000 persoas, está impulsada pola Asociación Orgullo Coruña -ORCO- e o Concello da Coruña e conta co apoio da Deputación da Coruña e o patrocinio principal de Estrella Galicia, Coruña The Style Outlets e Globalgrafic.

 Neste 2025, o Atlantic Pride regresa como un espazo de celebración aberto, seguro e diverso, como referente dos ‘Orgullos’ que se celebran no comenzo do verán ao longo da Península e no que, un ano máis, se darán cita coloridas propostas para todos os públicos.

 Así, no Atlantic Pride non faltarán concertos de inspiración eurovisiva, grandes nomes do pop galegos, nacionais e internacionais, divertidas actuacións de drags, pinchadas de djs de referencia da escena galega e a celebración do IV Certame Literario de Literatura LGTBIQ+, da man do Club de Lectura QUEERuña, que na súa pasada edición rexistrou o seu récord de participación e que neste 2025 ten xa aberta a súa convocatoria.

 Nesta 6ª edición do Atlantic Pride está xa confirmada a presencia de cinco grandes divas do pop español, Judeline, Edurne, Nia, Merche e Paula Koops, que encherán a cidade herculina de cor e diversión, cunhas voces que farán as delicias de diversas xeracións. A elas súmanse agora, tamén, figuras que pisan forte na escena musical galega do momento, como De Ninghures, Coolnenas, Agoraphobia, Alana, LERIA, ELBA e Rivadulla. Moi pronto, o festival anunciará novos nomes que completarán o seu line up.