Cool Nenas, Quinkillada e Mekánika Rolling Band completan o cartel do Festival das Carrilanas.

Compartiran escenario con Tanxugueiras, The Rapants e Sidecars entre outros.

11/07/2024 Diego Añon

O Festival das Carrilanas, a cita musical de acceso gratuíto que acompañará a 35ª edición do Gran Prix das Carrilanas de Esteiro na fin de semana do 19 ao 21 de xullo, completa este mércores o seu cartel coa incorporación de Cool Nenas, Quinkillada e Mekánika Rolling Band. As formacións súmanse ás xa anunciadas no mes de xuño pola ADC Esteirana de Carrilanas, promotora do evento, que dará pé a que a veciñanza goce de balde -con acceso prioritario para asociadas da entidade- da música de artistas como Tanxugueiras, Sidecars, The Rapants, Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, Mondra, Capital Voskov, Monoulious DOP, Lontreira e Galician Army.

 Ademais das novas incorporacións, o Festival das Carrilanas dá a coñecer hoxe o seu cartel por días. Así, na noite do venres 19, o público poderá asistir no escenario Vibra Mahou aos directos de Tanxugueiras, Mondra, Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, Lontreira e Cool Nenas; mentres que o sábado 20 fará o propio, tamén en horario nocturno, con Sidecars, The Rapants, Capital Voskov e Galician Army.

 O evento musical tamén contará con actuacións en horario diurno. O sábado 20 Quinkillada será a responsable de inaugurar o escenario Vegalsa-Eroski, situado na Alameda de Esteiro, mentres que Monoulious DOP subirá a este palco o domingo 21, xornada na que Mekánika Rolling Band actuará polas rúas da localidade. Na zona da alameda, ademais situaranse o espazo de actividades infantís (contacontos, xogos populares de madeira ou obradoiros, entre outras iniciativas) e o mercado tradicional de artesanía, que este verán celebrará a súa quinta edición.

 XXXV Gran Prix das Carrilanas de Esteiro

 O Gran Prix de Carrilanas é un evento de referencia no verán de Galicia. Cada ano milleiros de persoas -máis de 35.000 no 2023- danse cita en Esteiro para gozar dunha celebración especial que xira arredor da posta en valor das carrilanas, vehículos artesanais, feitos de madeira, que descenden sen axuda de motor polo circuíto de ‘O Maio’, situado en Esteiro. A singularidade desta festividade, que mantén viva unha proposta que ten a súa orixe nos xogos populares de tradición galega, fai que Carrilanas de Esteiro -declarada Festa de Interese Turístico Nacional no 2021-, sexa unha cita ineludible para as amantes da artesanía, da velocidade e da tradición.

 En paralelo ao Gran Prix, celébrase un festival de música gratuíto, o Festival das Carrilanas -cuxa entrada é de balde, con acceso prioritario para socias/os de Carrilanas ata completar a capacidade do recinto-, no que as bandas e solistas de Galicia que fan música en galego ocupan un espazo primordial.