NoSoloEsRuido logo
Banner horizontal

MoOoM, a serea cósmica que revoluciona a folctrónica galega desde a memoria da diáspora

Por Diego Añon // 21/08/2026
Imagen de la noticia

Ciara Cabodevila é a creadora, investigadora e voz que dá vida a MoOoM, un proxecto no que converxen a tradición oral, a electrónica urbana e a performance

A escena musical galega asiste ao nacemento de MoOoM, o alter ego artístico da historiadora, investigadora e creadora Ciara Cabodevila. Co seu primeiro álbum, "Atlántica", a artista constrúe unha ponte sonora e emocional entre Bueu e Sudamérica, recuperando os relatos anónimos da migración, a defensa do territorio e o peso da herdanza familiar. Conversamos con ela sobre como a investigación nos arquivos do Museo de Pontevedra se transformou nunha proposta de folctrónica urbana e sobre un concepto de directo pensado non como un show ao uso, senón como un auténtico ritual de catarsis colectiva.

NoSoloEsRuido  "Atlántica" é a carta de presentación de MoOoM, un debut onde a tradición oral e a electrónica se dan a man. ¿Para alguén que escoite o disco por primeira vez, que define o universo sonoro e a enerxía deste traballo?
MoOoM A nivel temático, o disco xira arredor da migración, o decolonial e o respecto medioambiental, cunha gran presenza da maxia. Simbolicamente, é a viaxe dunha serea que vai de Galiza a Sudamérica. Este relato simbólico serve para dar voz ao relato anónimo de tantos milleiros de migrantes que tiveron que facer ese mesmo camiño.

NoSoloEsRuido A idea deste proxecto empezou a coller forma mentres traballabas no arquivo do Museo de Pontevedra, revisando a figura de Perfecto Feijóo. En que momento te decataches de que todos eses papeis e cantigas antigas pedían saír do arquivo para converterse en canción?
MoOoM Agora está bastante de moda toda esta cuestión, pero isto xurdiu cando tiña a carreira recén rematada, con 21 anos, no que foi o meu primeiro traballo na Deputación. Precisamente por iso centreime máis en facer música. As teses, por desgraza, a xente non as le, pero a música ten ese poder expansivo e intrusivo que te colle e te leva a outros universos aínda que non queiras.
Buscaba reactualizar todo ese material non só con electrónica, senón tamén con ritmos urbanos. Ao final era facer o mesmo que facía Perfecto no seu tempo, que recollía coplas e cantigas para darlles un novo espazo. Esa foi a xerme do proxecto. Oxalá poida recrear tamén a xira que el fixo por Arxentina, que sería a segunda gran parte desta idea.

Imagen intermedia

NoSoloEsRuido Para gravar o disco fuches a Barcelona e rodeácheste de dous produtores arxentinos de orixe galega, Carlos Juranceli e Facu Alverdi. ¿Como foi xuntar as dúas beiras do Atlántico para darlle forma ao son de "Atlántica"?
MoOoM Toda esta reflexión sobre a identidade vénme moito pola miña situación personal, pero tamén por estar nun contexto fóra do propio. Aí é cando te preguntas que define a túa identidade por polaridade co outro, algo moi común nos procesos migrantes. Estando fóra dábame por cantar en galego e topábame co descoñecemento dunha bagaxe cultural, pero tamén con moita xente de Uruguai, Arxentina ou Cuba con avós galegos. Hai un ir e vir constante que nutre o proxecto.
Pola miña banda xa coñecía a Carlos desde había anos. Cando xurdiu traballar con Facu tiña todo o sentido do mundo, porque eles son arxentinos e galegos. De feito, o pai de Facu foi un dos directores de Xeito Novo, un dos grupos de folk máis importantes de Bos Aires. Máis que cabeza, no disco hai moito sentimento dos tres. Os tres estabamos en procesos familiares de recuperar memorias. Carlos viaxou por primeira vez a Santiago a buscar información do seu avó, e no caso de Facu, que perdeu ao seu pai bastante novo, inclúense samples que veñen directamente do ordenador do seu pai. Foi unha catarse persoal e colectiva, como facer constelacións familiares pero con música.

NoSoloEsRuido Nas túas cancións hai unha base moi clara sobre identidade, pero tamén sobre diversidade e respecto pola terra. ¿Como consegues equilibrar a parte reivindicativa coas ganas de facer bailar e emocionar á xente?
MoOoM Eu creo que as dúas cousas van xuntas. Esa conciencia identitaria está superligada ao territorio, e é un territorio que agora mesmo está ameazado. De feito, con todo o que estaba pasando con Altri, sentín que era supernecesario cambiar a letra dunha das cancións antes de sacala. Estando lonxe sentía a frustración de non poder ir alí, e a miña forma de prender ese lume é coa arte e coa transformación da conciencia.
Ter un micro diante é unha responsabilidade para ofrecer un discurso con fondo e non só con forma. Para falar de cousas serias non sempre hai que ter un ton vehemente, pero si consciente. Se consigues prender a alma, algo do que dixeches vaise quedar prendido dentro. Por iso para min Latinoamérica é tan importante na nosa sonoridade e historia. Eu prefiro falar de galeguidade máis que de ser galegos, porque comprende moito máis alá do propio territorio.

NoSoloEsRuido O disco mira directamente ás túas raíces en Bueu e a esa Galiza que cruzou o charco. Na túa propia familia tedes esa historia de migración. ¿Canto hai neste álbum de historia persoal e canto de homenaxe a tantas familias que tiveron que marchar?
MoOoM Hai todo. Esa catarse persoal vén dunha necesidade de catarse colectiva e de decatarme, como historiadora, de cantos relatos anónimos van quedando apagados porque a xente esmorece ou non os conta. Sinto a responsabilidade de vivificar estes relatos. No meu caso a miña familia foi para Brasil e Uruguai, pero en case todas as familias galegas hai historias de migración cara a Suíza, Venezuela ou calquera outro lugar.
Traballei bastantes anos no Centro Galego de Barcelona e vía constantemente a xente de Latinoamérica que viña conectar coa súa raíz galega, e tamén ao contrario. Este primeiro disco céntrase máis en Bueu e nas coplas de Cela e Ons, mentres que o segundo irá máis sobre Cotobade e a migración cara a México ou Venezuela. Interésame moito superar esa dualidade entre a costa e o interior para chegar a esa catarse.

Imagen intermedia

NoSoloEsRuido  ¿Sentes que o concepto de galeguidade cambia moito cando se mira desde fóra?
MoOoM Claro. Para min a galeguidade implica entender que ser galego non é só o territorio ou nacer en Galiza. No Centro Galego de Barcelona, por exemplo, o profesor de galego é mexicano e a profesora de pandeireta e baile é de Venezuela.
O ritmo de rumba xorde cando a migración galega vai a Sudamérica e o asimila, na chacarera hai moitísima influencia da muiñeira, e mesmo a forma de falar de certas zonas ten que ver con ese relato oculto. Tamén está a migración en Bruxelas. Por iso falo de galeguidade e de atlantismo, que é un concepto de Lois Pereiro. A primeira vez que o idioma galego soou de forma oficial como himno non foi en Galiza, e case todos os procesos de reafirmación xurdiron desde a diáspora.

NoSoloEsRuido O álbum vai ser editado en vinilo da man de Ferror Records. Nestes tempos nos que case todo se escoita en dixital, ¿que importancia lle dás a ter o disco entre as mans e coidar todo o aspecto audiovisual?
Mooon A miña especialidade como historiadora é a arquivística documental, así que o analóxico tírame moito. Querían sacar o disco en vinilo e tiña todo o sentido facelo con Ferror Records. O dixital dá a posibilidade de que calquera o escoite en calquera lugar, pero o físico aporta o valor do obxecto.
Haberá un traballo deseñado por un artista de Vigo, irá acompañado de merchandising e dun fanzine en cianotipia onde explico toda a investigación que hai detrás do disco. Quen compra un vinilo hoxe en día ten ese fetiche polo físico, e é unha forma de reivindicar o traballo artesanal.

NoSoloEsRuido  ¿Pensas que a xente, a día de hoxe, é capaz de apreciar toda esa artesanía?
MoOoM Eu teño a teoría de que a xente é menos parva do que nos fan crer. Hai públicos para todo, e se cadra un disco non o peta aquí pero triunfa en Xapón. Eu creo que o traballo ben feito e feito con amor permanece a longo prazo. Quero que a edición en vinilo sexa vista case como unha obra de arte.

NoSoloEsRuido Comentas que os vosos concertos son máis un ritual que un show ao uso. ¿Que se vai atopar a xente cando vos vexa enriba do escenario?
MoOoM Polo de agora a persoa fixa no equipo de directo é Artur Puga na percusión tradicional, quen se sumou a tope desde o primeiro momento. O que nos impide ir con banda completa é unha cuestión de recursos económicos, porque nestes momentos estou tocando soa ou con Artur, aínda que a idea para o verán que vén é ir como mínimo os dous ou ser tres persoas.
Sobre o escenario busco que sexa un ritual para transicionar e transmutar emocións, viaxando desde o fondo do mar ata cruzar á outra beira. Hai partes estruturadas, pero outras teñen que ser improvisadas porque aí é onde ocorre a maxia. Trátase de manter o show vivo e adaptable a cada público e lugar.

NoSoloEsRuido Ademais de cantar e compoñer, móveste entre a performance, o cabaré e obradoiros de improvisación. ¿Sentes que Mooon é un proxecto onde cabe calquera disciplina artística e a música é só unha pata máis?
MoOoM Si, a música é a guía e a escusa, pero falo de ritual porque a escenografía, a iluminación, as visuais e mesmo os olores son fundamentais para crear unha sinestesia. Gostaríame que MoOoM fose unha serea cósmica que transcenda máis alá de min e siga contando relatos anónimos cando eu xa non estea. É un posicionamento ritual desde as artes para chegar a outras cuestións da existencia.

NoSoloEsRuido  ¿De onde vén o nome de MoOoM e que significa?
MoOoM Vén da unión de lúa, nai e hón. A idea era crear unha tríada feminina no propio nome que fale da nai, do cosmos e da espiritualidade.

Imagen intermedia

NoSoloEsRuido  ¿Como foi a reacción do público á posta en escena do disco?
MoOoM Moi boa. Ao principio a xente queda descolocada preguntándose que é isto, pero logo métenselle de cheo no ritual. Hai pouco toquei nun festival de rap improvisando freestyle e a xente conectou moitísimo aínda que o meu estilo non tivese nada que ver co resto.
Esa é a miña maior motivación desde antes de existir MoOoM: ver que algo feito con cariño pode emocionar ou cambiarlle un pouquiño a vida a alguén. Conseguilo hoxe en día, nun momento de tanta saturación de información, é unha gran vitoria.

NoSoloEsRuido  ¿É moi diferente lanzarse ao freestyle no festival CeibaRimas que a proposta que fas a nivel musical?
MoOoM É moi diferente porque unha cousa é rap e outra é a folctrónica urbana que eu fago, onde se mesturan influencias de trap, dancehall ou kuduro froito dos meus anos estudando en Barcelona con xente de Latinoamérica. O que teñen en común é a importancia de non pensar e ser un canal puro para soltar cousas.

NoSoloEsRuido  ¿Que lle dirías a alguén que está dubidando se escoitar o teu disco ou ir a un concerto de MoOoM para convencelo de que non se perda esa experiencia?
MoOoM Diríalle que vai ser unha experiencia única. Gústelle máis ou menos, vai ser algo singular. A miña proposta é que a xente se solte, que ir a un concerto non sexa ser un mero público pasivo, senón formar parte activa do ritual. Eso é o que podo regalar e asegurar en cada unha das miñas presentacións.

"Atlántica" é só a primeira parada deste viaxe. Se queres seguir de preto os seus vindeiros rituais en directo, ver como gaña forma a edición en vinilo e conectar co proxecto de MoOom, aquí tes acceso directo a todas as súas redes e plataformas:
- Canle de YouTube
- Instagram
- Spotify

Publicidad

Publicidad móvil