 
O festival Sinsal SON Estrella Galicia, celebrado tanto no porto de Vigo coma no arcuipélago conformado polas illas de San Simón e Santo Antón, pecha a súa edición máis sostible no ámbito ambiental. A posta en marcha neste 2024 da iniciativa de concienciación #sinsalsenrastro, na que a organización do evento apelou á responsabilidade compartida á hora de transformar o modelo de consumo actual implicando a público, empresas colaboradoras e patrocinadoras na xestión dos residuos, conseguiu reducir en máis dun 30% o volume de residuos xerados (máis de 200 kg.) e facer unha recollida selectiva exitosa separando correctamente as fraccións envases, papel e cartón, vidro e resto (residuos sólidos urbanos).
O evento, recoñecido como o máis sostible nos Premios FEST nos anos 2019 e 2023, e tamén considerado o pasado ano como un dos 10 proxectos culturais estatais máis comprometidos cos ODS pola Fundación Contemporánea a través do seu informe “Lo mejor de la cultura en España”, puxo o foco na edición de 2024 na necesidade de reducir e reutilizar, así como de garantir unha correcta recollida e xestión dos residuos, coa intención de que a práctica estivese vixente durante o festival e favorecer que, co seu coñecemento, se incorporase no día a día de todas as persoas vinculadas ao mesmo..
Para promocionar a difusión deste #sinsalsenrastro (que se suma ás iniciativas xa postas en marcha #sinsalsenplástico, #sinsalsenmaloshumos, #sinsalécircular ou #sinsalélocal), Sinsal contou cun Punto R, no que se ofreceu información sobre como separar correctamente os residuos e no que o público puido achegar os que se xeraron durante o evento (restos de comida, cartón de pizzas, etc). Ademais, para chamar a atención das e dos asistentes, a organización inutilizou todas as papeleiras da illa con materiais reutilizados (producidos en anos anteriores) e que, a modo de barreira, incluían una mensaxe disuasoria convidando ao público a visitar o Punto R. Neste novo espazo, situado nunha zona central e de paso, recolleuse tamén a vaixela reutilizable do evento e puxéronse, á disposición das e dos sinsaleiros, cabicheiros portátiles de cartón (xa que este ano se eliminaron os cinceiros comúns dos espazos habilitados para fumadores).
Por último, este ano Sinsal animou ás e aos asistentes a asistir co seu Kit festivaleiro (pratos, pano vaso e cubertos reutilizables), unha medida que contou con boa acollida, pois cómpre salientar que, neste 2024, practicamente non se produciron residuos de envases e que a meirande parte dos que recolleu a organización foron botellas de plástico e latas que o propio público levou á illa.
Un cartel secreto con artistas de 16 países
O Sinsal SON Estrella Galicia foi quen de manter un ano máis, en secreto, o misterio dos nomes do seu cartel, que o público só coñece ao desembarcar na illa. De novo, o evento organizado pola promotora viguesa Sinsalaudio achegou unha programación ateigada de propostas singulares, con bandas e solistas de diversas culturas, orixes -16 países- e múltiples estilos musicais, dando conta do máis interesante que está a vivir a escena musical contemporánea a nivel mundial. Entre as sorpresas desta edición, unha das máis chamativas foi a incorporación de Will Butler, ex membro de Arcade Fire, ao ‘line up’; e actuacións de figuras como a xaponesa Ichiko Aoba, o iraní Mohammad Reza Mortazavi, os murcianos Maestro Espada ou o keniata Kabeaushé foron moi celebradas polas asistentes.
Nesta última edición, entre as citas de Vigo e San Simón, Sinsal 2024 contou con máis de 2.500 asistentes (800 persoas por día na illa -sen contar outro cento de persoas, entre equipo e artistas, que pasaron pola mesma-), dos cales un 38% proceden de fóra de Galicia, territorio que achegou a meirande parte do público, especialmente das cidades de Vigo, A Coruña e Santiago.
Sinsal 2024, que contou co apoio institucional da Deputación de Pontevedra a través de Turismo Rías Baixas e da Xunta de Galicia a través de FEST Galicia, comezou o 25 de xullo coa apertura do Escenario Océano no Porto de Vigo. Unha visita pola terminal de Kaleido Logistics no peirao Transversal, unha conversa sobre patrimonio industrial e un concerto de Ombligo, celebrado nun auditorio efímero realizado con bloques de granito, daba pé a descubrir o que estaba por vir: un mar de culturas, influencias e estilos que sucarían as augas das Rías Baixas ao longo de tres xornadas.
O venres 26 o público vigués desembarcou ao ritmo das sesións Malmequeres: rastrexando arquivos, a actividade paralela da Escola Sinsal coa que, da man de Phonotoner e dos seus casetes, o festival deu a coñecer tres coleccións sonoras cun importante valor simbólico. Se ben o primeiro día foi protagonista o arquivo de Isaac Pérez Vicente, nas seguintes ocasións tiveron o seu espazo o arquivo de A Trincheira (sábado 27) e a Fonoteca 92 de El Correo Gallego (domingo 28).
O regreso dos vigueses Fantasmage abriu o escenario Buxos FEST Galicia, no que tamén participou unha das bandas máis relevantes da escena portuguesa do momento: Glockenwise. Pola súa banda, o escenario Santo Antón acollía a estrea en Galicia da danesa Clarissa Connelly, mentres que o escenario principal, o SON Estrella Galicia, daba a coñecer a onda tropicalista do brasileiro Sessa e o son indomable do colectivo suízo Orquestre Tout Puissant Marcel Duchamp. Por último, a enerxía sobre a pista de baile da compostelá Russ DJ (Russinha) fixo bailar ao público, sen parar, nas dúas sesións que ofreceu no escenario Malmequeres.
O cartel do sábado 27 agochaba numerosas sorpresas para o público sinsaleiro. Por unha banda, o escenario de Santo Antón programaba o directo do virtuoso percusionista Mohammad Reza Mortazavi, mais tamén da xaponesa Ichiko Aoba, que esgota entradas de todo canto recinto visita. Antes, Goat (JP), a banda de rock minimalista do tamén nipón Koshiro Hino, sorprendía no SON Estrella Galicia coa súa complexidade rítmica ao público do festival. Este palco tamén foi testemuña doutro dos grandes momentos deste 2024: o directo da banda británico-colombiana Mestizo.
Mentres tanto, polo escenario Buxos FEST Galicia pasaron os vigueses Isius, o cabaret psicodélico dos incorrectos Unsafe Space Garden -a da banda portuguesa foi unha das actuacións máis aclamadas desta edición- e os cataláns Prisson Affair, antes de dar paso á nixeriana Aunty Rayzor, cuxo directo gozou dunha grande acollida, ao igual que as sesións de DJ Saya, a compostelá orixinaria de Palestina e residente en Porto que transitaron entre o arab club, os hard drums ou o ggom surafricano.
Finalmente, o domingo 28 daba conta dunha sorpresa notable para o público: o peche do escenario SON Estrella Galicia da man de Will Butler & Sisters Square. O exmembro de Arcade Fire ofreceu un directo memorable para presentar a súa nova banda e disco homónimo. Antes, por ese mesmo palco, pasaron os murcianos Maestro Espada (sen dúbida un dos concertos máis emocionantes desta edición e cuxa Sesión San Simón -gravación con cilindro fonográfico- contou con ducias de espectadoras) e a manchega Lapili, na que foi a súa estrea en Galicia do seu discurso empoderado, rebelde e contra o machismo, e co que fixo bailar sen parar ao público.
A xornada arrancou cunha dobre proposta. Por unha banda, a mestura do son ancestral da gaita e da vangarda electrónica da escocesa Brìghde Chaimbeul era protagonista de despedida do escenario Santo Antón. Pola outra, no Buxos FEST Galicia, a palestina Haya Zaatry ofrecía, en solitario, un directo vibrante no que o público non dubidou en proclamar “Free Palestine”. No mesmo palco, situado ao comezo da impresionante bóveda do Paseo dos Buxos, acolleu a continuación as citas coa portuguesa María Reis, co ugandés Afrorack e co keniata Kabeaushé, quen emerxeu como a sorpresa da xornada para ofrecer un directo excesivo, vitalista e contaxioso. O peche do domingo e desta edición, finalmente, veu da man do responsable da apertura da mesma no Malmequeres: o galego Phonotoner.
